Analizamos o Asus Zenfone 3 Deluxe

Logo de ter analizado hai unhas semanas o Asus Zenfone 3 Max, hoxe traemos outra variante do Zenfone 3 do fabricante taiwanés. Falamos do Asus Zenfone 3 Deluxe, a versión máis premium da marca, tanto polas súas características técnicas como polo seu deseño e acabados.

Este importante salto cualitativo vai máis aló do propio terminal, e tamén se apreza no seu packaging, cunha caixa de moi coidada onde todo está perfectamente organizado no seu espazo reservado.

Deseño, acabados e conexións

Como xa adiantamos, o deseño é un dos aspectos fortes do Zenfone 3 Deluxe. Trátase dun dispositivo que a pesar de ter unha pantalla de grandes dimensións ten uns escasos marcos laterais, que só se ven ancheados na parte superior e inferior da pantalla, espazos nos que integra a cámara frontal e altofalantes (zona superior) e os botóns capacitivos atás, inicio e multiventá (parte inferior).

A capa traseira está lixeiramente curvada para facilitar o seu agarre, cun escaso granulado que non lle resta sensación de liso ao tempo que lle quita a sensación fría do metal pulido. Rompendo a uniformidade desta capa traseira temos a cámara principal, co seu flash LED e sensor de infravermellos, e o lector de pegadas dixitais.

A pesar do seu tamaño, ten un grosor máximo de 7,5 mm, que no punto máis fino queda nos 4,5 mm. No lateral esquerdo do dispositivo temos a bandexa extraíbel con espazo para dúas tarxetas SIM (microSIM e nanoSIM) ou unha SIM (microSIM) e tarxeta de memoria microSD, mentres que do outro lado temos os botóns de acendido e controis de volume. Na parte superior está o jack 3.5 de audio e na inferior un conector USB Tipo C, para carga ou transferencia de arquivos.

Hardware e rendemento

O Asus Zenfone 3 Deluxe está moi ben equipado en canto a hardware. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 821, de catro núcleos a 2,4 GHz e fabricado en 14 nm, xunto cunha GPU Adreno 530, 6 GB de memoria RAM e 256 GB de memoria interna (tamén hai versión de 64 GB), que poden ampliarse mediante tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade.

Leva todo tipo de sensores, entre eles de infravermellos e de pegada dixital. Ademais ten chip NFC e é compatíbel coas redes 4G.

Pantalla

A pantalla é un panel de 5,7 polgadas Super AMOLED con resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles). Está equipada de tecnoloxía True2Life para ofrecer un alto contraste e facilitar así a lectura nos entornos con incidencia directa da luz solar.

Ademais, vén con protección Corning Gorilla Glass 4 (para evitar pequenas rabuñadas) e revestimento oleofóbico antipegadas e antimanchas, que tal e como puidemos comprobar funciona ás mil marabillas. Como dato adicional, pode empregarse con luvas, sen perder demasiada precisión.

Certamente, a pantalla pareceunos bastante nítida, aínda que dado o seu tamaño e o segmento no que se enmarca este dispositivo cabería esperar que o fabricante tivera apostado, cando menos, por unha resolucón 2K, aínda que isto tería influído nunha menor autonomía ou en ter que aumentar o seu grosor. En calquera caso, a visualización que ofrece é correcta.

Cámara

No apartado fotográfico, a cámara principal é unha PixelMaster 3.0 de 23 megapíxeles con apertura f/2.0, estabilizador de imaxe e lentes Largan de 6 elementos con protección de zafiro. Destaca a seu enfoque ultrarrápido (o fabricante di que só lle leva 0,03 segundos) e o seguemento de obxectos coa tecnoloxía de enfoque TriTec.

Dispón de moitos modos que podemos elixir á hora de facer unha fotografía. Ademais do automático e manual temos HDR Pro, Superresolución, nocturno, QR, profunidade de campo, selfie, animación gif, panorámico, sorriso…  En canto a vídeo, pode gravar en 4K (3840 x 2160) a 30 fps.

Por outro lado, a cámara principal é un sensor de 8 megapíxeles, counha apertura de f/2.0 e 84º de apertura de campo e opcións como o selfie panorámico.

Podedes ver unha mostra de imaxes tomadas con este dispositivo na nosa galería de Flickr.

Batería

A batería, non extraíbel, ten unha capacidade de 3000 mAh, que dota ao terminal de enerxía abonda para acabar unha xornada de traballo, ou mesmo chegar ao día e medio de uso se temos un día pouco intenso.

Ademais está equipada co sistema de carga QuickCharge 3.0, que nos permite cargar boa parte da capacidade nun periquete usando o cargador provisto por Asus na caixa, ou un de similares características.

Software

O Zenfone 3 Deluxe vén con Android 6.0.1 e a capa de personalización Asus ZenUI 3.0, que como xa temos comentado ao analizar outros terminais da marca é o seu punto máis feble pola súa parte estética. Como punto positivo, vén cunha tenda de temas da que podemos descargar diferentes capas para personalizar as pantallas e iconas do noso móbil, aínda que as persoas que desexen ter un tema con estilo máis “Android puro” (foi o noso caso) poden optar por descargar un launcher desde a Play Store.

Trae de serie varias aplicacións preinstaladas para a limpeza de arquivos e optimización, o uso de servizos de Asus como o seu disco duro na nube e unha promoción de 100 GB de espazo en Google Drive por 2 anos.

Conclusións

O Asus Zenfone 3 Deluxe é un dispositivo que, tal e como prometía o seu hardware sobre o papel, ten un rendemento espectacular, que nos permite demandarlle potencia ao dispositivo sen que iso implique sufrir lag ou retardos. Isto inclúe os xogos máis potentes e a multitarefa.

En termos xerais é un modelo recomendábel para as usuarias máis esixentes, que queren un dispositivo potente, con pantalla grande, boa cámara e autonomía para aguantar o ritmo. Polo seu tamaño é ideal para consumir contidos multimedia e arquivos de traballo, e certamente deixounos moi bo sabor de boca.

Está dispoñíbel en cor prata ou dourado, a partir de 668 euros.

Sobre o autor

No Responses

Reply