Ademais de estar detrás do éxito de Pokémon Go, este 2016 tamén está sendo especial para Nintendo por Super Mario Run, un xogo que está a causar furor entre as usuarias de Apple, que xa o teñen dispoñíbel desde hai uns días, e que agora prepara a súa chegada á Play Store de Android.
O xogo xa está dispoñíbel na tenda de aplicacións e xogos de de Google, aínda que polo de agora non se pode descargar. O que si podemos facer é rexistrarnos para que se nos envíe unha notificación cando estea dispoñíbel para descargar, de forma gratuíta na súa versión máis básica.
Como dicimos, o xogo será parcialmente gratuíto, xa que inicialmente teremos algúns níveis dispoñíbeis, mais se queremos avanzar para xogalo completamente teremos que pagar 9,99 € co método in-app, é dicir, dentro da aplicación.
As impresións que chegan das usuarias de Apple que xa o probaron son moi positivas, aínda que tamén din que consume moitos datos, polo que é mellor xogar conectadas a unha rede WiFi. Sexa como fór, o éxito semella asegurado, pois na App Store conseguiu 40 millóns de descargas en 4 días, e 5 millóns de dólares en ingresos só nas primeiras 24 horas.
E vós que, xa tedes ganas de xogar con el?
Play Store | Super Mario Run