Comeza o CES 2017, a primeira das tres grandes feiras tecnolóxicas do ano. E con ela chegan tamén as primeiras presentacións de produtos, algúns dos cales xa fomos coñecendo nas últimas semana, e outros que serán novidosos. Un dos primeiros fabricantes en oficializar un lanzamento é Samsung, que vén de anunciar os novos Galaxy A3 e Galaxy A5 (2017), dous modelos de gama media – alta dunha serie que está a darlle ao fabricante moi bos resultados, cando menos no noso país.
O Galaxy A3 (2017) é o modelo máis compacto, ao contar cunha pantalla de 4,7 polgadas, mentres que o Galaxy A5 (2017) sube até as 5,2 polgadas, en ambos casos con pantalla Always On. Coinciden tamén en ter un deseño coidado e un acabado no que se une unha estrutura metálica coa parte traseira en cristal 3D, así como cámaras frontais e traseiras melloradas para conseguir resultados máis nítidos e espectaculares en espazos con pouca luz.
Ademais, por primeira vez a serie Galaxy A ofrece resistencia á auga e ao pó, grazas á certificación IP68. Isto permítenos facer fronte a elementos como a choiva, a suór, a area ou o pó. Así mesmo, ambos os dous son compatíbeis con Samsung Pay, o sistema de pagos seguros por NFC, e dispoñen de espazo na nube de Samsung Cloud para facer copias de seguridade.
Especificacións completas
Galaxy A3 (2017) | Galaxy A5 (2017) | |
Pantalla | 4,7 ” HD Super AMOLED | 5,2” FHD Super AMOLED |
Procesador | OctaCore 1,6 GHz | OctaCore 1,9 GHz |
RAM | 2 GB | 3 GB |
Memoria | 16 GB + microSD (256 GB) | 32 GB + microSD (256 GB) |
Cámaras | 13 / 8 Mpx (f/1.9) | 16 / 16 Mpx (f/1.9) |
Batería | 2550 mAh | 3000 mAh (carga rápida) |
Outros | LTE Cat4, Samsung Pay, NFC, lector de pegadas dixitais, USB Tipo C, IP68 | LTE Cat6, NFC, Samsung Pay, lector de pegadas dixitais, USB Tipo C, IP68 |
Sistema Operativo | Android 6.0.1 | Android 6.0.1 |
A serie A do 2016 xa nos sorprendeu pola boa calidade das súas cámaras, e este ano a cousa promete aínda máis. Samsung centrou os seus esforzos por mellorar as cámaras, algo especialmente notábel no Galaxy A5 (2017), coa cámara frontal de 16 Mpx e apertura de f/1.9.
Dispoñibilidade e prezo
Tanto o Samsung Galaxy A3 (2017) como o Galaxy A5 (2017) estarán dispoñíbeis a comezos do mes de febreiro en Europa, nun total de catro cores: black sky, gold sand, blue mist e peach cloud.
O modelo máis pequeno (A3) venderase por 330 €, mentres que o A5 custará 430 €.