Multan con 5M€ a Telefónica pola xestión das averías nas liñas das operadoras rivais

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de impór unha multa de 5 millóns de euros a Telefónica ao considerala responsábel dunha infracción moi grave, ao ter incumprindo o apartado 1.6.10 da Oferta maiorísta do Bucle de Acceso de Abonado (OBA) durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de outubro de 2015.

A Oferta de Acceso de Abonado (OBA) é a normativa que rexe as relacións entre Telefónica e o resto de operadoras da súa competencia cando estes alugan as súas liñas (maioristas) para ofrecer conexións de banda larga e teléfono ás súas usuarias. Entre outros moitos aspectos, a OBA inclúe os prezos do alugueiro das liñas (chamadas bucles), os tempos de suministro, a xestión das avarías e as súas penalizacións.

Porén, tras as súas investigacións e tramitación do expediente, a CNMC foi quen de acreditar que durante o citado período Telefónica non se responsabilizou dunha gran proporción das avarías das clientas de outros operadores, considerando estes traballos como “falsas avarías”, e aplicando en consecuencia penalizacións maioristas de 26,12 €/liña por ditas xestións.

A imputación a Telefónica dunha avaría por un operador alternativo pode acarrear nalgúns casos a súa declaración por parte de Telefónica como “falsa avaría”, o que conleva o pago de dita penalización por parte do operador alternativo. Porén, esta figura de “falsa avaría” está restrinxida a uns supostos moi taxados, e cómpre levar a cabo unhas tarefas de comprobación determinadas e identificarse claramente a causa, ademais de que deben documentarse correctamente fronte ao operador alternativo. Estas condicións non se cumpriron nos casos analizados durante a instrucción por parte da CNMC.

As conclusións da CNMC son que entre o 53,8 e o 78,2 % das supostas “falsas avarías” estiveron mal identificadas por parte de telefónica, o que permitiu deducir que se trata dunha práctica moi extendida no operador dominante, e que poido ter suposto importantes perdas para os operadores alternativos, ademais de afectar á súa imaxe e á credibilidade destas empresas fronte a súa clientela.

Fronte a esta sanción de 5 millóns de euros imposta a Telefónica a operadora pode recorrer ante a Audiencia Nacional.

Sobre o autor

Reply