Novo Asus Zenfone 3 Zoom: a cámara é a protagonista

Ademais de dar a coñecer o segundo dispositivo do mundo en integrar a tecnoloxía de realidade aumentada Google Tango, o Asus Zenfone AR, Asus anunciou na feira de Las Vegas o novo Asus Zenfone 3 Zoom. Trátase dun novo modelo da serie Zoom deste fabricante, na que a cámara é o elemento principal do trebello.

No Zenfone 3 Zoom Asus mellorou todos os aspectos que afectan á calidade das fotografías que tomamos cos nosos móbiles, é dicir, tanto o hardware, con novos sensores (e apuntándose á moda da dobre cámara traseira), como o software, cun procesado mellorado.

Unha gran cámara para un móbil

Como diciamos, o Zenfone 3 Zoom incorpora dous sensores. O primeiro deles está fabricado por Sony (IMX 362). É un sensor de 12 megapíxeles (Superpixel) cunha apertura de f/1.7, o que se traduce en mellores fotos en contornos escuros ou para escenas nocturnas.

Por outro lado, a segunda das cámaras tamén é de 12 megapíxeles e dispón dun zoom de 2,3 aumentos e distancia focal de 49 mm. En palabras do fabricante, trátase da mellor opción para fotografar persoas a curta distancia.

Ademais, Asus tamén quixo facer especial fincapé nas capacidades de enfoque do dispositivo, aplicando unha tecnoloxía chamada Asus TriTech+, resultado de combinar o enfoque láser, o autoenfoque por detección de obxecto e oenfoque por detección de fase dual.

Outras características técnicas

En canto ao resto de especificacións técnicas do novo Asus Zenfone 3 Zoom, e a falta dunha listaxe completa, as principais son as que pasamos a enumerar:

  • Pantalla: 5,5 polgadas (1920 x 1080 píxeles) e protección Corning Gorilla Glass
  • Procesador Qualcomm Snapdragon 625 (oito núcleos a 2 Ghz)
  • Batería de 5000 mAh

Dispoñibilidade e prezo

Asus confirmou a posta á venda deste modelo para o mes de febreiro, aínda que sen especificar o seu prezo de venda ao público.

Sobre o autor

One Response

  1. Anxo Varela 7 Xaneiro, 2017 Responder

Reply