O Qualcomm Snapdragon 835 xa está preparado para os mellores móbiles de 2017

Qualcomm é un dos fabricantes de procesadores para smartphones máis relevantes, polo que sempre que anuncia novidades causa interese. O recén presentado Qualcomm Snapdragon 835 non ía ser menos, e aínda hai algunhas semanas que deixaron caer algunhas das súas prestacións, agora vense de facer oficial. O Snapdragon 835 destaca por ser máis potente, ter menos consumo e unha velocidade de carga maior.

Non cabe dúbida de que estamos a falar do procesador estrela do 2017, que dará vida desde o seu interior aos smartphones máis destacados de todo o panorama Android. Polo de agora ningún fabricante se pronunciou ao respecto, pero a todas se nos vén a cabeza o próximo Samsung Galaxy S8, especialmente se temos en conta que Qualcomm traballou man a man con Samsung na preparación do Snapdragon 835, ao empregar a tecnoloxía de 10 nm FinFET do fabricante surcoreano no proceso de fabricación do procesador.

O Qualcomm Snapdragon 835 é un 35% máis compacto que o Snapdragon 820, moito máis eficiente e disipa moito mellor a calor. Mais tamén, e non menos importante, mellora notabelmente o proceso de carga da batería con Quick Chrge 4.0, que permite cargar o 50% da capacidade da batería en apenas 15 minutos.

A listaxe completa de características deste procesador é a seguinte:

  • 8 núcleos Kyro 280 (até 2,45 GHz)
  • GPU Adreno 540 (compatíbel con DX12, OpenCL 2.0, OpenGL ES 3.2 e Vulkan)
  • Bluetooth 5.0
  • Compatíbel con RAM DDR4x de dobre canle
  • Compatíbel con almacenaxe UFS 2.1
  • Compatíbel con pantallas de resolución máxima 4K / 60 fps
  • Resolucións máximas: 32 megapíxeles ou dobre cámara de 16 megapíxeles; en vídeo 4K / 30 fps.
  • Módem Qualcomm Snapdragon X16 LTE (até 1 Gbps / 150 Mbps en 4G)
  • Outros: fabricado en 10 nm, indicado para realidade virtual

Malia ter sido presentado nestas datas, o procesador atópase en pleno proceso de fabricación, polo que non habemos tardar moito en ver os primeiros móbiles que o usen. A gran pregunta é saber cal será o primeiro en empregalo, vós que pensades?

Sobre o autor

No Responses

Reply