ZTE tamén se apunta á dobre cámara traseira no novo ZTE Blade V8 Pro

Non hai fabricante que se resista á dobre cámara traseira. Se atendemos aos últimos lanzamentos de dispositivos, todos os fabricantes están a apostar por introducir o concepto de dobre cámara nalgún dos seus trebellos, aínda que ben é certo que con diferentes implementacións, matices e propósitos. O fabricante chinés ZTE non ía quedar á marxe desta moda no seu novo modelo, o ZTE Blade V8 Pro, que vén de ser presentado no CES 2017.

O Blade V8 Pro quere ser un dispositivo que combina as máxinas que busca todo consumidor, e que pasan por conseguir ter un smarphone de calidade a bo prezo. Cos marcos en metal e acabados en policarbonato, o dispositivo ten un deseño de corte clásico  con todas as aristas redondeadas, nas que integra un panel de 5,5 polgadas con resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles), protección Corning Gorilla Glass e acabado 2.5D.

Xa no interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 625, de oito núcleos a 2 GHz, gráficos Adreno 506, 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 128 GB. No aspecto da conectividade destaca a presenza de WiFi de dobre banda, Bluetooth 4.2, NFC e 4G-LTE Cat4. Tamén dispón de lector de pegadas dixitais e unha batería que caada os 3140 mAh. En canto ao sistema operativo, temos Android 6.0.1

No apartado multimedia temos esas dúas cámaras traseiras, ambas de 13 megapíxeles, acompañadas dun flash tipo LED. A unión de ambas cámaras para sacar fotografías promete uns resultados fotográficos con maior profunidade de campo. Así mesmo, tamén poden gravar vídeo en calidade 4K.

Dispoñibilidade e prezo

O ZTE Blade V8 Pro venderase inicialmente nos Estados Unidos, aínda que está previsto que chegue a máis países (entre eles, e case con toda seguridade, o noso) nas próximas semanas. Sairá á venda por 229,98 dólares o próximo día 18 de xaneiro.

Sobre o autor

Reply