O ano pasado descubrimos a Nvidia Shield TV, un dispositivo baseado en Android TV que se comercializa como videoconsola e tamén como “actualizador” dos nosos televisores sen conexión á Internet, para abrirlles así a porta a todo o que ofrece a versión de Android para televisores.
No CES de Las Vegas vénse de dar a coñecer unha nova versión deste dispositivo, que se ben non supón un importante cambio en canto a prestacións nin especificacións técnicas, si que o é no que ten a ver co seu deseño.
Especificacións técnicas
A Nvidia Shield integra as seguintes especificacións técnicas:
- Procesador Nvidia Tegra X1
- 3 GB de memoria RAM
- 32 ou 500 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD ou unidades USB 3.0
- Compatibilidade vídeo: 4K Ultra-HD (4K a 60 fps)
- Compatibilidade audio: Audio 7.1, surround 5.1. Son de alta resolución até 24-bit/192 kHz.
- Chromecast 4K integrado
- Android TV baseado en Android 7.0 Nougat
- Outros: Giga Ethernet, HDMI 2.0, 2 USB 3.0 e micro USB 2.0
Cabe destacar a presenza do Chromecast 4K directamente integrado no trebello, o que multiplica as opcións de entretemento multimedia no fogar ao permitirnos enviar contidos directamente des de o móbil.
Google Assistant, xogos Ubisoft e máis
A nova Nvidia Shield tamén integra o asistente de voz de Google, Google Assistant, que polo de agora só está dispoñíbel en inglés, e maioritariamente integrado en Allo, a aplicación de mensaxería móbil instantánea de Google. Ligado a isto mellórase o mando, que ademais de resultar máis ergonómico tamén integra a busca por voz para facilitar as buscas ou o uso do asistente de voz.
O fabricante tamén habilitou a conexión co servizo de streaming de xogos para PC, incluíndo a posibilidade de facer mirroring desde o ordenador á tele se dispomos dunha tarxeta Nvidia compatíbel.
En canto aos xogos, ademais dos que podemos atopar na Play Store e outras canles habituais, Nvidia conta cunha plataforma en liña que permite acceder a títulos como Assasin’s Creed, Watch Dogs 2 e moitos outros lanzamentos de Ubisoft.
Dispoñibilidade e prezo
A nova Nvidia Shield TV estará dispoñíbel no mes de febreiro cos seguintes prezos
- Nvidia Shield TV de 16 GB: 229,99 euros.
- Nvidia Shield TV de 500 GB: 329,99 euros.
- Shield controller: 69,99 euros.
- Shield Remote: 54,99 euros.
Que vos parece?