Ademais de televisores, teléfonos, sistemas de audio e electrodomésticos, no CES de Las Vegas puidéronse ver moitas aplicacións da Internet das Cousas (Internet of Things, IoT), é dicir, a interconexión de obxectos cotiás á rede para dixitalizar moitas das cousas que facemos hoxe en día.
Nesta liña de traballo, LG amosou toda unha serie de robots baseados na intelixencia artificial orientados ao fogar, aos aeroportos e a tarefas máis cotiás, como cortar o céspede.
Hub Robot: un fogar máis intelixente
O primeiro deles é o LG Hub Robot, un dispositivo que eleva o concepto de Smart Home a un nível superior. Conéctase a outros dispositivos intelixentes que teñamos no fogar e facendo uso de Alexa, a tecnoloxía de recoñecemento de Amazon, pode levar a cabo algunhas tarefas, como xestionar o aire acondicionado ou cambiar o ciclo de lavado a nosa lavadora con simples ordes de voz.
Está equipado cunha pantalla interactiva na que amosa información de diversa índole, desde imaxes do frigorífico para que saibamos o que temos nel, como instruccións para levar a cabo unha receita. Por suposto, tamén serve para reproducir música, crear alertas e recordatorios ou proporcionar os datos sobre o tempo e o tráfico.
O Hub Robot debuxa sentimentos na súa “pantalla – cara”, e pode moverse e xirar sobre si mesmo. Tamén está preparado para responder ás usuarias usando a linguaxe corporal e, por exemplo, asentir coa cabeza cando se lle fan preguntas sinxelas. Así mesmo, pode recoñecer a persoa que ten diante e ter diferentes saúdos para cada membro da familia.
Xunto a este Hub Robot, LG tamén prepara versións “mini” que poderemos ter nos diferentes cuartos da casa e traballarán en extensión deste, podendo realizar moitas das súas funcións e completando un ecosistema que semella vai ser o futuro dos nosos fogares.
Airport Guide Robot
Como o seu propio nome indica, o LG Airport Guide Robot está pensado para traballar nos aeroportos, e en breve xa se poderá ver no Aeroporto Internacional de Seúl. Trátase dun asistente intelixente que dá información ás viaxeiras, respondendo a preguntas en (de momento) catro idiomas: inglés, chinés, xaponés e coreano.
Escaneando o billete de avión, o robot proporcionará información detallada sobre a hora de embarque dun voo e dará indicacións sobre a ubicación da porta de embarque, así como información sobre o tempo no lugar de destino. Ademais, aquelas persoas que vaian con retraso ás portas de embarque ou a outras estancias do aeroporto poderán ser guiadas polo robot axudante.
Airport Cleaning Robot
Tamén ligado aos aeroportos, aínda que realmente podería aplicarse a outras grandes áreas, o LG Airport Cleaning Robot é un dispositivo de gran tamaño equipado con varios cepillos e un depósito de gran capacidade. Pode limpar de todo, desde azulexos até alfombras de maneira segura, eficaz e potente.
Ao longo de todo o proceso de limpeza emprega unha tecnoloxía chamada LIDAR (Light Detection and Ranging), que xunto aos seus parachoques sensíbeis detecta todos os obstáculos que vai atopando no seu camiño, sendo consciente ademais da súa ubicación grazas a SLAM, unha tecnoloxía de localización e mapeo simultáneo.
Lawn Mowing Robot
Finalmente, o LG Lawen Mowing Robot é un dispositivo que recurta o céspede con precisión, fiabilidade e seguridade. Ademais de recoñecer a súa ubicación e os obstáculos que se poden interpór no seu camiño, como árbores ou setos, tamén identifica o tipo de herba para adaptar o corte e conseguir uns resultados máis precisos.
Dispoñibilidade da nova liña de robots de LG
Aínda que todos os novos robots de LG xa son unha realidade tanxíbel e funcionan correctamente, semella que aínda imos ter que agardar unha boa tempada para velos convivindo con nós no día a día.
De todos eles o que quizais menos sorprenda sexa o que corta o céspede, xa que na actualidade existen multitude de alternativas no mercado bastante asentadas, e resulta complicado introducirse nese mundo, cando menos no noso país.
As versións dos aeroportos dificilmente chegarán a verse nunca nos aeroportos galegos, xa que están pensados para instalacións moito máis grandes e cun volume de tráfico moito maior. Ademais, se aínda vai comezar agora a súa estadía no aeroporto de Seúl, onte ten a súa sede o fabricante surcoreano, será porque esta é a primeira gran proba real do dispositivo, e que logo irá aparecendo noutros grandes aeroportos, como o de Dubai, Londres ou, cun pouco de sorte, Barcelona.
En calquera caso, todas estas propostas debuxan unha perspectiva do que teremos nun futuro cada vez máis próximo. Que tal vos pinta?