Droid Turbo 3: cambio radical de deseño no novo smartphone de Motorola?

As usuarias cada vez somos máis esixentes á hora de decidirnos por un smartphone que nos guste, entre outras moitas razóns porque a meirande parte dos dispositivos de gama alta coinciden en moitas das súas prestacións. Por iso, aspectos como o deseño ou funcionalidades diferentes son as que marcan as nosas decisións.

Motorola experimentou varios cambios nos últimos anos, os máis notábeis derivados do cambio de donos, primeiro nas mans de Google e logo nas de Lenovo. O ano pasado as grandes diferenzas marcáronas o Moto X e, sobre todo, o Moto Z, un dispositivo no que Lenovo experimentou con ese concepto modular que non acabou de saír ben de todo, nin para Motorola nin para LG.

O próximo modelo en cambiar radicalmente o seu aspecto sería, atendendo ás últimas filtracións, o Droid Turbo 3. Trátase dunha nova xeración de smartphones que, periodicamente, Motorola desenvolve en colaboración coa operadora norteamericana Verizon, que os comercializa en exclusiva.

As imaxes, que son renders conceptuais baseados no deseño que se manexa para o Droid Turbo 3, foron publicadas na rede social chinesa Weibo, e amosan un modelo totalmente diferente aos últimos da marca, con deseño ultradelgado e liñas rectas.

Especificacións que se esperan

O novo Droid Turbo 3 viría cun procesador Qualcomm Snapdragon 820 ou 821, xunto con 4 GB de memoria RAM, unha capacidade de memoria que será básica en calquera modelo que aspire a destacar algo ao longo deste 2017.

A cámara principal sería de 16 megapíxeles cunha apertura de f/1.9, e estaría firmada polo prestixioso fabricante de cámaras sueco Hasselblad, no que sería o segundo acordo entre ambos fabricantes, logo de ter lanzado un dos Moto Mods conxuntamente.

Haberá que agardar aínda unhas cantas semanas para ver se estas ideas conceptuais acaban por parecerse á versión final deste modelo ou dalgún outro que Lenovo pretenda lanzar este ano baixo o nome de Motorola. Arriscado e innovador si que parece, vós que pensades?

 Vía

Sobre o autor

Reply