Tuenti ofrecerá 4G en todas as tarifas a finais de mes

Os tres grandes operadores puxeron en marcha varias marcas alternativas para contrarrestar o efecto dos OMV, con ofertas máis simples e orientadas a un público maioritariamente novo e sen necesidades de servizos extra ou interese pola paquetización de servizos. Orange mantén Simyo e Amena, Vodafone ten a Lowi e Movistar a .Tuenti. Esta última é das poucas marcas que a día de hoxe seguen sen ofrecer velocidades 4G de maneira xenérica, aínda que esta situación está a piques de cambiar.

A oferta de .Tuenti, cun lioso método de devolución dos megas non consumidos e a aposta pola voz IP como bandeira, púidose completar no ano 2015 co 4G, aínda que quen quixese disfrutar destas velocidades de conexión tiña que pagar 2 € adicionais, accedendo en contraprestación a 250 MB extra ao mes. Agora semella que a marca alternativa de Movistar quere dar un paso atrás e eliminar este método, facilitando o acceso a esta tecnoloxía a todas as usuarias, e sen custe adicional.

Tal e como se pode ver na páxina de FAQs da compañía, as usuarias de contrato ou cartón prepago cunha tarifa activa comezarán a disfrutar do 4G sen ter que facer nada a partir de finais de mes. Entre o 24 e 26 de xaneiro será a activación das usuarias de contrato, e posteriormente actualizaranse as liñas de cartón prepago, con data límite o 8 de febreiro.

Unha vez feita dita actualización, todas as usuarias de .Tuenti disfrutarán de 4G nas súas tarifas, sempre e cando se teña un smartphone e unha tarxeta SIM compatíbel con 4G. A operadora emplaza a aquelas usuarias que dispoñan dunha SIM antiga non compatíbel a pedir a renovación da tarxeta desde a área de cliente.

Sobre o autor

Reply