Entre os múltiples aparellos que se anunciaron no CES de Las Vegas tamén houbo tempo para anuncios menos glamourosos, pero moi importantes polo seu contido. Entre eles, cómpre destacar a nova versión do conector HDMI, que empregamos nas nosas casas para enchufar aparellos á televisión. Xa vai pola versión 2.1.
Con ela chegan varias novidades, a máis destacada o importante aumento do ancho de banda até os 48 Gbps para soportar resolucións 4K (a 120 Hz) e mesmo 8K (a 60 Hz). Isto permitiranos, se contamos cun dispositivo con alta taxa de refresco, aproveitar ao máximo a resolución 4K conseguindo vídeos ou videoxogos moito máis fluídos. Porén, este incrento do ancho de banda trae consigo un problema importante, e é que os cables actuais non serán compatíbeis, polo que teremos que mercalos novos.
Outra das novidades do HDMI 2.1 é que atoparemos un HDR dinámico, o que permitirá enviar información da cor por cada imaxe, e dese xeito o HDR irá mudando dependendo do brilo ou os níveis de cor, ofrecendo en cada intre un resultado máis realista.
A terceira gran novidade témola no apartado do son, pois o HDMI 2.1 xa é compatíbel cos códecs de audio en 3D, como poden ser os Dolby Atmos ou DTS X.
Como podedes ver, tres grandes novidades dirixidas a sacarlle o máximo partido ás novas resolucións e ao son de máxima calidade, aínda que teña que ser a costa dunha renovación de hardware que suporá un desembolso económico importante se queremos estar á última.