Conforme vai achegándose o MWC 2017, a maior feira de telefonía móbil do mundo, tamén van aparecendo máis datos sobre os trebellos que se presentarán no marco da feira ou nas datas arredor da mesma. Un destes dispositivos é o LG G6, que podería ser anunciado o domingo previo ao Mobile para saír á venda antes que a competencia e, así, mellorar as cifras de vendas do experimento fallido que foi o modular LG G5.
O primeiro teaser lanzado pola compañía deixa ver algunhas características que terá o novo LG G6, así como o que sería a súa silueta vista de fronte, con todas as esquinas redondeadas. Esas características serían as seguintes:
- Gran pantalla
- Corpo compacto
- Resistencia á auga
- Manexabilidade cunha soa man
- “De confianza” (a proba de explosións? 😉 )
Por outra banda, LG tamén deixou caer que inauguraría un novo ratio de pantalla, 18:9, resultado das investigacións da sección de paneis da marca surcoreana, que apuntarían a que este sería mellor para as necesidades actuais. Ademais, a publicación das imaxes das fundas dun terceiro fabricante confirmaron outros detalles que até o de agora mantíñanse en segredo ou eran simples rumores.
- Dobre cámara traseira
- Sensor de pegadas dixitais na parte posterior
- Biseis laterais mínimos
- Porto USB Tipo C
- Conector jack 3.5 mm
O conector USB Tipo C era algo que todas podíamos dar por feito, pois xa estaba incluído no LG G5 e tería moi pouco sentido dar un paso atrás e apostar por outra opción. Sobre o conector jack 3.5 mm podería haber máis dúbidas, xa que aínda que son varios os fabricantes que están apostando pola súa eliminación para optar por solucións que inclúan o propio USB Tipo C ou auriculares Bluetooth, o certo é que aínda é unha tecnoloxía moi extendida como para prescindir dela.
Agardamos que LG non tarde moito en anunciar a data da presentación do seu buque insignia para este 2017, que estamos certos será un modelo que estará á altura do que todas esperamos del.