Samsung Galaxy S8: novos rumores sobre o seu deseño, prezo e data de lanzamento

É o móbil que todo o mundo quere ver este ano, por iso todo o que xira arredor do Samsung Galaxy S8 é un fervedeiro. E máis que vai ser segundo nos vaiamos achegando ao momento da súa presentación. Se hai uns días facíamonos eco dunha suposta imaxe que deixaría ver o seu deseño, así como o 18 de abril como data da súa posíbel presentación, hoxe xa temos novidades.

Eldar Murtazin, un dos filtradores que máis acertos ten en relación con Samsung, non puido resistirse a contar o que di saber dos próximos Galaxy S8 e Galaxy S8 Plus, os nomes que terían os novos trebellos de Samsung, que segundo parece o fabricante xa amosou a varios operadores no mes de decembro en encontros privados.

Murtazin asegura que, tal e como apuntaban os rumores, o lector de pegadas dixitais nos novos Samsung deixará de estar no clásico botón inicio, que desaparece nesta versión, para incorporarse na propia pantalla, o que permite poñer un panel máis grande no trebello sen que isto afecte considerabelmente ao tamaño total do dispositivo.

A imaxe anterior compararía o deseño do Galaxy S8 Plus co Galaxy S7 Edge actual. Esta versión Plus tería un panel de 6,2 polgadas, quedando o modelo estándar, Galaxy S8, nas 5,7 polgadas, un tamaño que na actualidade ten a versión de pantalla maior. Trataríase de paneis Super AMOLED mellorados, cunha reprodución de cor (aínda) máis realista, e enerxeticametne máis eficientes.

No interior dáse por feito algunha versión co procesador Snapdragon 835 de Qualcomm e outra co Exynos 8895 de Samsung, dependendo do mercado, e no apartado software teríamos un novo asistente virtual chamado Bixby e unha nova función que permitirá usarmos o noso Galaxy S8 como equipo de escritorio, aínda que polo de agora poucos detalles hai desta nova función.

Este leaker tamén asegura que os Galaxy S8 virán co porto USB Tipo C, que Samsung xa foi introducindo nos últimos modelos presentados, así como con 6 GB de memoria RAM. Tamén di que manterá o jack de audio de 3.5 mm.

Nova posíbel data de presentación e prezo

Os últimos rumores apuntan a que o Galaxy S8 vaise amosar á prensa durante o Mobile World Congress, que se celebrará en Barcelona a finais de febreiro, pero non sería nunha presentación oficial nin de maneira pública. Para o Unpacked de lanzamento fálase agora do 29 de marzo, e poríase á venda a finais do mes de abril.

En canto a prezos, fálase dunha cantidade de partida de 849 dólares, que habería que matizar segundo o modelo concreto e as versións.

Sobre o autor

No Responses

Reply