Sony podería levar un teléfono sen marcos ao MWC

Nos últimos días medrou o número de filtracións de novos trebellos, no que vén a ser a antesala do próximo gran evento, o Mobile World Congress, que se celebrará a finais de febreiro en Barcelona. Sony non ten previsto perder esa gran festa, e xa comezou a enviar os convites á prensa para a súa presentación, que terá lugar o luns 27 de febreiro.

O que poderemos ver nesa cita é todo un misterio, aínda que cada vez son máis as voces que falan da presentación de novos smartphones de gama media, os Sony G3112 e Sony G3221, con sendos procesadores MediaTek Helio P20, pantallas FullHD, 4 GB de memoria RAM, memoria interna de 64 GB e cámaras de 23 e 16 megapíxeles, respectivamente.

Asi mesmo, tamén cabería esperar a renovación do Xperia XA, que segundo unha suposta imaxe de prensa filtrada podería carecer de marcos laterais, unha tendencia que seguen cada vez máis fabricantes de smartphones.

O que non está tan claro é que Sony vaia presentar un novo buque insignia, seguramente pensando en darlle protagonismo nun evento exclusivo máis adiante, pero estamos seguras de que o fabricante xaponés tamén levará ao MWC unha renovación dos seus futuristas accesorios, como o Xperia Ear ou similiares. Vós que pensades?

Sobre o autor

Reply