Logo dunha investigación minuciosa, Samsung vén de facer pública hoxe a versión oficial sobre o problema que afectou aos Samsung Galaxy Note7, o dispositivo que tería sido a guinda dun ano estupendo para o fabricante surcoreano se non fose por un pequeno detalle: a súa tendencia a explotar.
Lembraredes que tras unha primeira remesa de dispositivos dos que saíron algúns modelos defectuosos a compañía puxo en marcha o seu reemplazo, mais ao repetirse o problema levou a cabo un recall sen precedentes, sacando do mercado o dispositivo e limitando as súas prestacións remotamente ás poucas usuarias que non o quixeron devolver, en concreto un 4%.
Coa investigación rematada desde hai algunhas semanas, non foi até o de agora cando Samsung a fixo pública. Nela establécese que a única causa dos incidentes é a batería, descartánfose outros aspectos que se teñen comentado, como o deseño hardware ou mesmo o software.
Samsung explicou que os problemas afectaron a ambas remesas de baterías, as que viñan nos Note7 orixinais e as que foron introducidas nos modelos de sustitución despois da primeira retirada do mercado.
Tal e como se pode ver na infografía, os primeiros modelos de baterías tiñan un defecto de deseño na esquina superior dereita que podería causar un cortocircuíto.
Tras dita primeira retirada de dispositivos, Samsung reemplazou as baterías por un segundo modelo, fabricado por outra compañía. Este modelo de batería tamén resultou defectuoso por un problema de fabricación, concretamente unha mala soldadura, o que podería causar incendios, tal e como aconteceu con algún dispositivo.
Novas medidas de seguridade
Logo de todos estes incidentes, Samsung implementou unha ampla variedade de procesos internos de calidade e seguridade para mellorar a seguridade dos seus produtos, incluíndo protocolos adicionais como as medidas de seguridade en múltiples capas e a comprobación das batería en 8 puntos.
Ademais, Samsung creou un Grupo Asesor de Baterías formado por asesores externos, expertos académicos e investigadores para garantir que mantén unha perspectiva clara e obxectiva sobre a seguridade e a innovación relativa ás baterías. Estará formado por
- Clare Grey, profesor doutor de Química na Universidade de Cambridge.
- Gerbrand Ceder, profesor doutor de Enxeñaría e Ciencia de Materiais en UC Berkeley.
- Yi Cui, profesor doutor de Enxeñaría e Ciencia de Materiais na Universidade de Stanford.
- Toru Amazutsumi, doutor e CEO de Amaz Techno-consultant.