O Plan Familiar de Google Play chega ao noso país

 

Malia levar uns seis meses dispoñíbel en varios países, o plan familiar de Google Play vén de aterrar por fin no noso, permitindo que até 6 persoas dunha mesma familia poidan compartir as súas compras de aplicacións, xogos, filmes ou a suscrición musical.

Co plan familiar de Google Play bastará con que unha persoa merque un determinado contido da tenda para que calquera das persoas que forman parte do grupo poidan descargalo nos seus dispositivos sen ter que volver pagar por el.

Para activar o modo familiar deberemos iniciar a Play Store, acceder ao menú para entrar en “Conta” e, dentro dese apartado, clicar en “Familia”. Deste modo poderemos crear un grupo familiar do que seremos administradores, permitíndosenos agregar até 5 persoas adicionais.

En calquera momento podemos decidir se queremos que todas as nosas compras sexan engadidas á colección familiar ou se, pola contra, imos decidindo un a un os contidos que queremos compartir co resto de membros do grupo.

Método de pago

Á hora de pagar polos contidos, establécese un método de pago familiar único, e todas as persoas do grupo poderán mercar directamente apps, xogos, películas, música ou libros con cargo a el. A persoa que exerce de administradora unicamente terá que aprobar as compras realizadas polas usuarias menores de 18 anos no grupo, ou os pagos in-app de calquera membro.

Sobre o autor

Reply