A edición deste ano do evento de desenvolvedores de Google, o I/O 2017, xa ten data, aínda que desta vez Google complicou o anuncio cun acertixo que foi resolto polo comunidade. Terá lugar entre o 17 e o 18 de maio en Shoreline Amphitheater, en Mountain View.
Around the world, from here to there, to the most clever minds, the secret will share. #googledevs #savethedate https://t.co/0zwCbSLzVy pic.twitter.com/0O2vNDWZx2
— Google Developers (@googledevs) January 24, 2017
A través dunha imaxe compartida en Twitter e Google+, a compañía animou ás usuarias a resolver o enigma, un complexo puzzle composto de 5 xogos que agochaban toda a información.
- O primeiro acertixo enviaba ás usuarias a un repositorio de GitHub, onde unhas coordenadas levaban ás usuarias a unha selva brasileira.
- O segundo ligaba a un vídeo de YouTube. A transcrición dos subtítulos apuntaba a outras coordenadas.
- A terceira das incógnitas tamén levaba ás usuarias a un lugar: Varsovia.
- O cuarto xogo, unha serie matemática, estaba baixo unha imaxe corrupta e nos levaba a Tailandia.
- Por último, poñendo os nomes dos países nun taboleiro de xadrez e xogando con sumas e restas nos valores das letras proporcionadas, tíñase a solución.
A comunidade tardou algo máis de catro horas en resolver o enigma e chegar á solución correcta, algo que podería ter premio para estes primeiros aventureiros: unha entrada para acudir ao desexado evento.
Aínda faltan uns meses para a cita, polo que de aquí aló haberá tempo para faladurías, pero é obvio que xa podemos adiantar que cuestións como Google Home, Chromecast ou DayDream van estar moi presentes na convención.