Instant Tethering, compartir datos entre os teus trebellos será aínda máis doado

Seguro que a meirande parte de vós sabedes que é o tethering, unha funcionalidade dos nosos smartphones que nos permite, tendo unha SIM con datos, crear unha rede WiFi á que poder conectar outros trebellos á rede, como podería ser unha tablet ou un ordenador portátil.

Habilitar a conexión nos nosos trebellos é un proceso bastante doado, pois basta con seleccionar a rede WiFi no dispositivo que queiramos conectar e introducir a clave de acceso que teñamos configurada. Porén, Google quere ir un paso máis aló presentando Instant Tethering, que nos permitirá conectar de xeito automático á rede todos os dispositivos que teñamos asociados á conta de Google.

Imos poñer un exemplo. Imaxinade que coa nosa conta de Google temos configurados dous smartphones, un Chromebook e unha tablet, pero polo motivo que sexa só na tablet temos conexión á rede nese intre. Pois ben, se un dos smartphones quere conectarse á Internet, con Instant Tethering activiado na tablet (no exemplo é o único aparello conectado), esta sería quen de decatarse de que un dos terminais (sen conexión) coa mesma conta quere conectarse á rede e, de xeito automático, configuráse un punto de acceso WiFi na tablet, permitindo deste xeito que o smartphone teña acceso a Internet.

Polo de agora Instant Tethering está dispoñíbel unicamente en terminais Nexus e Pixel, mais está previsto que chegue a máis dispositivos, segundo vaia actualizándose a aplicación de servizos de Google nos trebellos coas versións de Android máis actuais.

Sobre o autor

Reply