Abanca investirá 10 millóns de euros no desenvolvemento de start-ups tecnolóxicas galegas

Abanca vén de anunciar esta mañá o investimento de 10 millóns de euros para financiar a creación e desenvolvemento de start-ups tecnolóxicas nadas ou radicadas en Galiza, como parte do proxecto Abanca Innova. Estas iniciativas deberán cumprir unha serie de características, pois ademais de estar en fase embrionaria, ter base tecnolóxica e estar vencelladas ao noso país, deberán ter aplicación no sector financieiro, xa sexa fintech, insurtech ou regtech.

O proceso de investimento presentado por Abanca estará marcado por unha selección constante de iniciativas, e constará de dúas fases. Na primeira, de seed-capital, Abanca aportará financiamento na modalidade de préstamo participativo a diferentes proxectos tecnolóxicos en proceso de creación. De entre eles, Abanca seleccionará nunha segunda fase, de start-up, os que polo seu nível de madurez estean preparados para afrontar a súa constitución.

De cara a provelos de recursos, Abanca ten previsto realizar operacións de investimento directo en capital a través da sociedade vehículo Abanca Invest, ou concederalles financiamente a través de préstamos participativos convertíbeis. Ademais, o banco tamén apoiará os proxectos na procura de outros investidores.

En paralelo con este aopoio financieiro, Abanca acompañará os proxectos empresariais nacentes en todas as etapas do seu desenvolvemento, ofrecendo asesoramento en materia de xestión cun dobre obxectivo: por un lado, contribuír a estrutrurar a start-up desde o punto de vista empresarial para que poida operar no mercado e, por outro, posibilitar a maduración da idea proposta polas emprendedoras até a implantación do produto ou servizo resultante na operativa do banco.

Outras actuacións de Abanca Innova

Alén das operacións ligadas ao investimento en proxectos empresariais, Abanca Innova comprende outras actuacións que pretenden servir de ponte entre o coñecemento tecnolóxico e o mercado. Co fin de detectar o talento tecnolóxico desde Galiza, Abanca colaborará con emprendedores e centros universitarios para operar como espazo de ideación que permita ao estudantado desenvolver as súas ideas e proxectos de fin de carreira.

Por último, Abanca Innova será o escenario de centros de excelencia en tecnoloxías emerxentes, realizará accións de formación e mentoring e colaborará con redes de difusión de coñecemento. Do mesmo xeito, tamén servirá de incubadora de empresas para proxectos tecnolóxicos en creación, aínda que non estean incluídos no programa de financiamento.

Sobre o autor

Reply