Analizamos o Samsung Galaxy A5 (2016)

Até non hai moito tempo as grandes marcas tíñannos acostumados a uns modelos de gama alta de calidade a costa de descoidar por completo as gamas medias e baixas, aínda que por fortuna isto foi mudando. Samsung subiu o nivel coas series Galaxy A, aínda que tamén a costa duns prezos algo superiores, e hoxe traemos para analizar o Galaxy A5 (2016).

Deseño, acabados e conexión

Cunha clara inspiración no Galaxy S6, o Galaxy A5 (2016) destaca polo seu coidado deseño e acabados metálicos. Na parte traseira só sobresae lixeiramente a cámara, e os laterais son un continuo que só se ven alterados polos botóns, cos controis de volume no lateral esquerdo e o de acendido no dereito.

Na parte frontal temos o clásico botón de inicio de Samsung, que á vez serve de lector de pegadas dixitais. O microUSB e o jack de 3.5mm sitúanse, xunto co altofalante, na parte inferior do trebello. A bandexa extraíbel para a nanoSIM e a tarxeta de memoria sitúase no lateral dereito do trebello.

Non cabe dúbida de que este modelo supón un importante salto de calidade fronte outras opcións da compañía, xa que nos permite disfrutar duns acabados premium nun modelo algo máis económico.

Hardware e rendemento

O Samsung Galaxy A5 (2015) incorpora un procesador de fabricación propia, o Exynos 7580, de oito núcleos a 1,6 GHz e CPU Mali T720. Dispón de 2 GB de memoria RAM e unha memoria interna de 16 GB, ampliábeis con microSD.

Dispón de conectividade 4G, WiFi 802.11 a/b/g/n, Bluetooth 4.1 LE, USB estándar e NFC. Tamén leva un lector de pegadas dixitais na frontal que funciona correctamente, aínda que dista de ser tan rápido como os que podemos ver no Galaxy S6 ou Galaxy S7.

O funcionamento do trebello é correcto, manexando con soltura case todo tipo de aplicacións, aínda que ben é certo que con aquelas apps ou xogos máis potentes atopamos un pequeno lag.

Pantalla

A pantalla é un panel AMOLED de 5,2 polgadas, con resolución Full HD 1080p. Como todas as pantallas AMOLED, destaca polo gran contraste e profunidade na cor, mais tamén é relevante o amplo grao de visión, que chega case aos 180 graos.

Como xa vén sendo tradición nos modelos de Samsung, permítese ás usuarias escoller entre varios modos de pantalla (adaptative display, cine AMOLED, foto AMOLED ou básico), mudando a gama de cores, saturación e a nitidez.

Do mesmo xeito, inclúe o sistema Smart Stay, que fai seguemento da nosa vista para manter a pantalla acesa mentres miramos o dispositivo, aínda que non introduciron Ambient Display, dispoñíibel en versións máis recentes.

Cámara

No apartado fotográfico, na cámara principal temos un sensor de 13 megapíxeles con apertura f/1.9, estabilizador óptico (OIS) e flash LED e na frontal un modelo de 5 megapíxeles. O comportamento de ambas, aínda non sendo espectacular, resultou máis que aceptable para un trebello da saúa categoría.

En condicións de boa iluminación os resultados son moi correctos e o autoenfoque bastante rápido. As cores tamén resultan bastante vivas. O nível de detalle, en composicións amplas, é máis baixo do agardado, aínda que é algo que só chama a atención ao ver as imaxes en grande.

A aplicación da cámara é bastante limpa é intuitiva, con modos de foto adicionais que podemos descargar para completar a experiencia de usuario. Tamén ten acceso rápido a axustes máis avanzados para aqueles momentos nos que queremos ser nós as que configuremos as imaxes.

No noso perfil de Flickr podedes ver un conxunto de imaxes tomadas coa cámara deste terminal.

Batería

Inclúe unha batería non extraíbel de 2.900 mAh de capacidade, con funcionalidades de carga rápida. Con ela acadamos unhas catro horas de pantalla, e traducindo a un uso estándar cabería dicir que con el podemos acabar o día perfectamente, pero que non perdoa a carga diaria para un uso normal.

Software

En canto a software, malia terse posto á venda con Android 5.1.1, foi actualizado á versión 6.0.1 Marshmallow, e mesmo pode que nun futuro próximo reciba a súa dose de turrón con Android 7.0 Nougat.

Leva a capa de personalización de Samsung, TouchWiz, con aplicacións propias preinstaladas, entre elas S Health e a tenda de aplicacións Galaxy Apps. Así mesmo, tamén está preparado para empregar Samsung Pay, o sistema de pagos móbiles de Samsung que xa analizamos neste mesmo sitio.

Conclusión

O Samsung Galaxy A5 (2016) é un trebello da chamada gama media premium, pensada para as usuarias que queren un modelo decente sen ter que ir aos buque insignia. Os puntos máis fortes desta unidade son a pantalla e a cámara, por riba da media nestes dispositivos, así como o deseño e acabados.

Pódese mercar en varias cores (dourado, branco, negro) por uns 260 euros.

Sobre o autor

Reply