Euskaltel e Orange están a ultimar un gran acordo para compartir a rede de fibra óptica até o fogar (FTTH), o que permitirá ao grupo vasco aumentar a súa carteira de clientes máis aló de Galiza, onde ten presenza tras a adquisición e posterior integración de R no grupo vasco.
Esta nova chega nun momento chave, pois tampouco son poucas voces as que falan (e case dan por feita) unha posíbel fusión con Telecable, a cableira asturiana, que tería lugar no segundo ou terceiro trimestre do ano, dando pé a un gran operador de cable do norte, e permitindo aos vascos ampliar notabelmente a súa área de influencia.
O pacto no que traballan Euskaltel e Orange é bastante semellante ao que a operadora francesa ten con Vodafone e MásMóvil, e basicamente consiste en repartirse as áreas de despregamento de rede e compartir o acceso onde non teñen candaseus despregamentos. Segundo parece, Euskaltel ten avanzadas conversas en Cantabria (territorio que domina case en exclusiva Vodafone) para levar a cabo un importante despregamento de fibra óptica a través do operador local Ibiocom, que podería compartir con Orange a cambio de que esta compañía abrise o acceso á rede noutros territorios.
Máis alo da penetración do cable, tamén é importante considerar que os operadores de cable do norte (R, Telecable e Euskaltel) contan con licenzas na frecuencia de 2600 MHz, e que ademais Euskaltel chegou a un acordo con Telxius (empresa que xestiona as antenas de Movistar) para acceder a elas. De comezar a operar con rede móbil propia poderíamos estar a falar da consolidación do gran operador do norte, con moitas máis posibilidades de éxito que outros, pero que seguramente mantendo as súas marcas orixinais no canto de optar por unha nova.
Haberá que estar atentas ás novidades que se produzan nas próximas semanas, pero semella que Euskaltel vai a por todas.