Hai uns días soubemos que Android Wear 2.0 chegará o próximo 9 de febreiro, e para acompañar esta nova versión veremos unha fornada de novos modelos. Entre eles estarán o LG Watch Style e o LG Watch Sport, que estes días protagonizaron varias filtracións.
LG Watch Style
Evan Blass, un dos filtradores máis recoñecidos, filtrou 4 imaxes de prensa que amosan o LG Watch Style por diante e por detrás en dúas cores, unha prateada e outra rosada. Ambos modelos presentan un deseño coidado e elegante, á vez que sobrio.
En canto ás especificacións técnicas, nas últimas semanas tamén foron aparecendo datos que hai que coller con certa cautela. De cumprirse as previsións, o LG Watch Style terá as seguintes características:
- Pantalla P-OLED de 1,1 polgadas e resolución 360 x 360 píxeles
- 512 MB de RAM
- 4 GB de memoria interna
- Batería de 240 mAh.
- Wifi, GPS, NFC, sensor de ritmo cardíaco
- Protección fronte pó e auga
LG Watch Sport
Por outro lado, unha imaxe filtrada por TechnoBuffalo deixou ver unha versión deportiva, o LG Watch Sport, con maior pantalla e un deseño máis agresivo, especialmente pensado para usuarias cun perfil máis deportivo.
Haberá que agardar uns días para descubrir todas as novidades destes novos reloxos, e tamén cales son os plans de Google respecto a Android Wear 2.0. Cumprirán as espectativas?