Lenovo xa ten preparada a unha nova versión do Moto G, e un ano máis aposta pola presenza de dous modelos, un máis modesto, o Moto G5, e outro cunhas características máis interesantes, o Moto G5 Plus. Esta tendencia supón unha pequena involución, dado que o ano pasado Lenovo preferiu subir de nível o Moto G4, o que supuxo tamén aumentar o seu prezo, afastándose da idea inicial do Moto G.
Segundo as últimas filtracións, que supostamente proveñen da base de datos dun proveedor, o Moto G5 contará cunha pantalla IPS de 5 polgadas e resolución FullHD (1920 x 1080 píxeles). No seu interior monta un procesador Qualcomm Snapdragon 430, de oito núcleos a 1,2 GHz, 2 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD de até 128 GB.
En canto á fotografía, a cámara principal sería de 13 megapíxeles, con flash LED, mentres que a frontal tería 5 megapíxeles. O sistema operativo, aspecto clave en todos os modelos “Moto”, tanto da época Motorola como agora baixo dominio de Lenovo, será Android 7.0 Nougat, e contará cunha batería de 2800 mAh con sistema de carga rápida.
Descoñecese se contará con chip NFC ou lector de pegadas dixitais, elementos que poderían estar reservados ao modelo “Plus”. Porén, estas prestacións evidencian que o Moto G5 aspira a competir no prezo, e non tanto por ter unhas especificacións relevantes na gama media, como aconteceu o seu predecesor.
Co MWC a menos dun mes e un evento de Motorola fixado durante os días da feira, cabería agardar que Barcelona fose o escenario no que ver os novos modelos deste fabricante.