Na súa orixe Instagram tiña dúas grandes limitacións: as fotos só podían ser cadradas e, como moito, podíamos (e, de momento, podemos) subir unha única foto de vez. A primeira desas limitacións levantouna meses atrás, cando comezou a admitir outros formatos (verticais e horizontais) e a segunda está cada vez máis preto de pasar á historia.
Os últimos cambios na aplicación, que xa se están a probar, permitirannos subir de vez até 10 fotografías nunha mesma publicación. Por sorte para o noso timeline, estas non aparecerán de maneira independente, senón nun álbume polo que nos poderemos ir desprazando deslizando o dedo.
Segundo parece, Instagram vai permitir que poidamos aplicar un filtro diferente a cada unha das fotos, mantendo a esencia orixinal da aplicación, aínda que segundo as últimas informacións cada vez son menos as usuarias que empregan esta funcionalidade.
Haberá que agardar uns días a ver se Instagram anuncia de xeito oficial esta novidade, polo de agora oculta na versión 10.7 da app, pero todo apunta a una lanzamento inminente.