LEGO Life, a rede social na que compartir as túas creacións de LEGO

Es unha apaixonada do mundo LEGO? Daquela estás de noraboa. O fabricante do mítico xogo de bloques de plástico vén de lanzar a súa rede social oficial, LEGO Life. Trátase dun espazo no que as usuarias poden compartir as creacións que levan a cabo para sorprender a outras persoas.

Este novo proxecto no que se embarca LEGO pretende ser un punto de encontro para toda a súa comunidade, que até o de agora non tiña un foro oficial común, máis aló dun fío de Reddit e os hashtags nas redes sociais habituais.

En certa medida LEGO Life lémbranos a Instagram. Nela podemos crear o noso perfil, seguir a outras usuarias, subir as nosas creacións, dar “gústame” e comentar outras imaxes. Como curiosidade, conta con emojis propios, inspirados nas figuriñas de LEGO, obviamente.

Un equipo dedicado moderará o contido para garantir que LEGO Life sexa un espazo seguro para todas as usuarias, incluídas as máis pequenas. De feito, a privacidade é un dos elementos que LEGO quere coidar, polo que mesmo as imaxes de perfil son en realidade bonecos customizados.

LEGO Life está dispoñíbel tanto en Android como iOS.

Sobre o autor

Reply