Tecnoloxicamente falando, os Xogos Olímpicos de Tokio 2020 van ser de grande interese, entre outras razóns porque por vez primeira imos ver as redes 5G traballando a pleno rendemento. Porén, hoxe queremos falar doutra nova relacionada coa tecnoloxía, aínda que dunha maneira bastante diferente.
Segundo parece, o Comité Olímpico ten pensado fabricar as medallas dos próximos Xogos a partir de materiais extraídos de smartphones, tablets e outros dispositivos reciclados, co obxectivo de concienciar á poboación da importancia da doazón destes trebellos para o correcto tratamento dos materiais, evitando problemas para o medio ambiente.
A campaña de recollida iniciarase en abril deste mesmo ano, e o obxectio é recadar 50 quilos de ouro, 2920 de prata e 2994 de bronce, cantidades necesarias para a fabricación das 5000 medallas olímpicas que se porán en xogo en Tokio 2020.
O reto é bastante grande, pois aínda que efectivamente os nosos trebellos teñen, na súa inmensa maioría, este tipo de metais, o certo é que as cantidades son bastante escasas. Por poñer un exemplo, segundo o informe de Nacións Unidas sobre residuos electrónicos, para conseguir un gramo de ouro farían falta 41 dispositivos, polo tanto serían necesarios 2.050.000 móbiles.
Será quen Xapón de conseguir este obxectivo?