Analizamos o altofalante Energy Music Box B2

Hoxe traemos á nosa mesa de análises un aparello diferente, máis no concreto un accesorio de son. Trátase do altofalante Bluetooth Energy Music Box B2, da española Energy Sistem, unha compañía que destaca polos seus produtos de audio e o seu portfolio de smartphones e tablets a bo prezo.

Deseño, acabado e conexións

En canto a deseño, o altofalante ten unhas liñas cadradas bastante clásicas, e unhas dimensións bastante contidas: mide 143 x 57 x 40 mm e pesa 214 gramos. Isto fai que sexa moi cómodo para transportar, xa que cabe en calquera bolso ou mochila, de maneira que o poderemos usar aló onde vaiamos.

Todo arredor está acabado cunha pequena reixela, a clásica dos altofalantes, e a base é de goma, un material axeitado para fixar o trebello a calquera superficie. Na parte superior temos 6 botóns para o control, e na parte traseira, agochados por unha pequena lapela, os conectores de audio jack 3.5 e un microUSB.

Especificacións

No apartado de son, está equipado con dous altofalantes de 6 W (RMS) de potencia e unha frecuencia que oscila entre os 90 Hz e os 20 KHz. Ademais, dispón de micrófono, polo que pode ser empregado como mans libres para atender unha chamada.

A conectividade co móbil ou a tablet faise a través de Bluetooth (4.0) ou de jack 3.5 de audio, e dispón dunha batería interna de 800 mAh coa que podemos ter até 10 horas ininterrompidas (por cable jack) ou 2 horas (por Bluetooth), o que permite empregalo sen ter que telo conectado ao enchufe, algo básico nun accesorio tan orientado á mobilidade como este.

Funcionamento e conclusións

O funcionamento do Energy Music Box B2 non podería ser máis sinxelo: bastará con que lle conectemos o cable jack 3.5 (vén incluído na caixa) ou que o sincronicemos co Bluetooth do noso móbil ou tablet para poder comezar a disfrutar do son.

En canto a calidade do son, se temos en conta o que custa, xa nos podemos imaxinar que é normaliña. Cumpre co seu comedido, pero non podemos agardar un son de alta calidade. Da nosa experiencia podemos salientar que resolve mellor os sons agudos que os graves, e que tamén traballa mellor a volumes medios, pois se o poñemos ao máximo aparece unha distorsión que pode ser algo molesta se non hai ruído no entorno.

Podémolo atopar en tres cores, negro verde e vermello coral por 19,90 €, un prezo axustado para un accesorio tan versátil.

Sobre o autor

Reply