Gionee F5, un dispositivo sen pretensións centrado na autonomía

O fabricante chinés Gionee ten novo móbil, o Gionee F5. Trátase dun dispositivo sinxelo e sen moitas pretensións, pensado para aquelas usuarias que non fan un uso moi intensivo dos trebellos ou que non precisan modelos coas especificacións máis novidosas. Porén, este modelo conta con varias especificacións interesantes.

O trebello está equipado cunha pantalla IPS de 5,3 polgadas con resolución HD 720p, o que dá uns escasos 277 píxeles por polgada., no límite do aceptábel. No seu interior, dándolle vida, temos un procesador MediaTek MT6750, de oito núcleos Cortex-A53 e GPU ARM Mali-T860MP2, xunto con 4 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No apartado multimedia non atopamos grandes sorpresas: na parte posterior temos unha cámara principal con sensor de 13 megapíxeles, con autoenfoque e flash LED, e na frontal un modelo de 8 megapíxeles.

Sorprende a súa batería, que acada os 4000 mAh de capacidade, mais sobre todo a presenza de lector de pegadas dixitais nun modelo desta gama. O sistema operativo é Android 6.0 – Marshmallow, o cal descoñecemos se chegará a ser actualizado nalgún momento.

O Gionee F5 xa se pode mercar na China en dúas cores, dourado e dourado rosado, por uns 245 euros ao cambio, un prezo algo caro para as súas especificacións. Semella que, a priori, a compañía non pretende vendelo de maneira oficial no noso país, mais poderemos mercalo a través das tendas de importación habituais.

Sobre o autor

Reply