Os LG Watch Style e LG Watch Sport con Android Wear 2.0 fanse oficiais

O anuncio oficial de Android Wear 2.0, do que xa comentamos todas as novidades, oficializou tamén o lanzamento dos novos reloxos intelixentes de LG, que xa foron filtrados días atrás. Trátase de dúas alternativas, unha máis formal, o LG Watch Style, e outra cun aspecto máis deportivo, o LG Watch Sport.

LG Watch Style

O Style é o modelo máis básico, un reloxo con liñas clásicas e pantalla circular de 1,2 polgadas e resolución 360 x 360 píxeles. Leva no seu interior un procesador Qualcomm Snapdragon Wear 2100 a 1,1 GHz, 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna.

Está equipado con todo tipo de sensores, como xiroscopio, sensor de luz ou acelerómetro, aínda que carece de GPS, NFC e sensor de pulso. En canto á conectividade, admite WiFi e Bluetooth, e a carga da batería, que en unha capacidade de 240 mAh,é sen fíos.

As correas poden intercambiarse rapidamente por calquera correa tradicional, unha característica pola que LG apostou nos seus reloxos desde o lanzamento do primeiro. Ademais, é resistente á auga e ao pó, segundo o estándar IP67.

Está dispoñíbel en tres cores : prata, titanio e rosa dourado.

LG Watch Sport

Por outro lado temos o LG Watch Sport, un modelo máis completo que tras o seu lanzamento posiciónase como o actual modelo de referencia para Android Wear.

Incorpora unha pantalla de 1,38 polgadas e resolución 480 x 480 píxeles. No interior leva o mesmo procesador que o Style (Qualcomm Snapdragon Wear 2100 a 1,1 GHz), cos mesmos 4 GB de memoria interna, aínda que con 768 MB de RAM.

A batería sitúase nos 430 mAh, e dispón dos sensores habituais, ademais de GPS; NFC, sensor de pulso cardíaco e espazo para unha tarxeta SIM LTE.

Dispoñibilidade e prezo

En canto a prezos, o LG Watch Style custará 249 dólares, e o LG Watch Sport 349 dólares. Está previsto que se poñan á venda nos Estados Unidos mañá, 10 de febreiro, e que nas próximas semanas cheguen a outros mercados, como Arabia Saudí, Canadá, Corea do Sur, Emirato Árabes Unidos, Reino Unido Rusia, Sudáfrica e Taiwán.

Polo de agora semella que non está previsto o seu desembarco noutros países de Europa, incluído o noso, quizais á espera dalgún movemento pendente por parte de Google.

Sobre o autor

Reply