Android Wear 2.0 xa é oficial, con pagos móbiles e Google Assistant

Non houbo sorpresas. Tal e como estaba previsto, onte Google anunciou oficialmente Android Wear 2.0, a última actualización do seu sistema operativo orientado a wearables, nomeadamente a reloxos intelixentes. Esta nova versión, que supón a maior actualización desde o seu lanzamento, está baseada en Android 7.0 Nougat, e trae como grandes novidades a Play Store independente, os pagos móbiles e Google Assistant. Vexámolo máis polo miúdo.

Aplicacións autónomas e Google Play no reloxo

Unha das grandes novidades de Wear 2.0, que xa se puidéramos ver nas versións de desenvolvedores, é a presenza dunha Play Store de aplicacións para wearables no propio reloxo, o que evita que teñamos que acudir ao noso smartphone para buscar e instalar aplicacións do gadget de pulso.

Ligado a isto tamén se “independizan” moitas das aplicacións do smartphone, de maneira que poden funcionar de maneira autónoma, conectándose directamente á rede, caso de estar conectados a unha rede WiFi ou de ser un dos modelos con LTE.

Watchfaces interactivas

 

As watchfaces (ou esferas) compleméntanse, facéndose máis interactivas ao permitir a instalación de widgets dunha maneira semellante á personalización de pantallas que desde sempre caracterizou ao smartphones Android. En total permitirásenos engadir até catro widgets a cada unha.

Pagos móbiles

Como era previsíbel, os pagos móbiles chegan a Android Wear 2.0, concretamente a aqueles reloxos que dispoñan de NFC. Destinada a Android Pay, servizo de Google que de momento non está dispoñíbel no estado español, queda sen resolver a incógnita de se as aplicacións de pago de terceiros (por exemplo ás dos bancos) funcionarán con este sistema.

Google Assistant

O asistente Google Assistant, dispoñíbel até o de agora nos Google Pixel de maneira integrada e na aplicación Google Allo, chega agora tamén aos reloxos Android Wear. Porén, de momento segue sen haber unha gran actualización dos idiomas dispoñíbeis, pois só se engade alemán; desta maneira poderemos usar este asistente en inglés ou alemán.

Dispoñibilidade da actualización

En decembro publicamos a listaxe dos modelos Android Wear actuais que recibirán a actualización a Android Wear 2.0, e segundo afirma Google será “nas próximas semanas” cando chegue a eles esta nova versión. Agardemos que sexan “poucas” esas semanas.

Máis info | Google

Sobre o autor

No Responses

Reply