Analizamos o Sony Xperia XZ

No Mobile World Congress de 2016 Sony anunciou a súa gama Xperia X, composta por tres modelos, un de gama media, outro de gama media premium e un terceiro de gama alta. A eles sumaríase, xa no IFA de Berlín, o Xperia XZ, que se convertiría no buque insignia da compañía, e do que hoxe traemos a súa análise.

Deseño, acabado e conexións

O deseño do Sony Xperia XZ é marca da casa, con liñas que claramente identificamos co fabricante nipón, pero que nesta versión acadan unha dimensión maior, froito das diferentes correccións que foi facendo Sony nos últimos anos para perfeccionar o deseño dos seus trebellos.

Conta cun aspecto moi rectangular, visto de fronte, mais os seus biseis laterais lixeiramente curvados a ambos lados resultan tremendamente atractivos e cómodos para o seu agarre. Desde un dos lateriais, o esquerdo, extráese a bandexa na que vai a tarxeta nanoSIM e a microSD de ampliación de memoria, mentres que no outro temos o botón de acendido (onde tamén está o lector de pegadas dixitais), xunto cos controis de volume e un acceso directo á cámara.

Na parte superior temos o jack 3.5 de audio, e na inferior o porto microUSB Tipo C. Na parte traseira, esquinada, está a cámara co seu correspondente flash tipo LED e sensores.

Para os acabados Sony apostou por deixar atrás o cristal e apostar polo aluminio, en concreto unha aleación chamada alkaleido, que mellora o tacto ao facer que sexa máis suave e cálido que o aluminio estándar. No caso do modelo azul, que foi o que analizamos, a ton vai mudando segundo a luz que incida, xerando uns efectos realmente atractivos.

Hardware e rendemento

O Sony Xperia XZ ten un hardware á altura de calquera buque insignia que se prece. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 820 e GPU 530, xunto 3 GB de memoria RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna, a escoller, que en calquera caso pode ampliarse mediante microSD de até 256 GB.

Dispón de lector de pegadas dixitais, situado no propio botón de inicio, cuxo funcionamento roza a perfección, identificando de maneira practicamente instantánea a nosa pegada. Tamén incorpora USB Tipo C, NFC, conectividade Bluetooth 4.2, MIMO, LTE Cat 9 e GPS-GLONASS.

Así mesmo, é resistente á auga e ao pó segundo o estándar IP68 e en canto ao son dispón de dobre altofalante estéreo, con tecnoloxía Clear Audio+, compatibilidade con FLAC e cancelación de ruído.

O seu rendemento é moi bo, movemento sen ningún problema todo tipo de aplicacións e os xogos máis demandantes. Sorprendeunos a súa precisión e axilidade á hora de manexar moitos recursos ao mesmo tempo.

Pantalla

A pantalla que leva este Sony Xperia XZ é de 5,2 polgadas, cunha resolución de 1920 x 1080 píxeles (424 píxeles por polgada). Sorprende a non aposta por un panel QuadHD, aínda que certamente a experiencia que ofrece é moi boa. Leva curvatura 2.5D, o que fai que se integre moito mellor no corpo do móbil, cunha relación moi continua.

Como xa ten acontecido en modelos anteriores, Sony incorporou ao panel varias tecnoloxías propias, entre elas TRILUMINOS ou X-Reality. A primeira está pensada para realzar a tonalidade das cores, mentres que a segunda reduce o ruído e aumenta a nitidez das imaxes. Certamente, a pantalla deste modelo ofrece unhas imaxes moi vivas, con boas cores e un ángulo de pantalla bastante amplo.

Outro aspecto interesante é que podemos seleccionar o balance de brancos desde o menú, e a súa visión en exteriores é óptima, en boa medida grazas a un brillo sobresaínte, con 600 nits.

Cámara

Sony adoita prestar moita atención á cámara, aínda que historicamente, malia levar os mesmos sensores que outros fabricantes, fallaba no procesado. Afortunadamente isto foi mudando nos últimos trebellos, confirmándose que o fabricante está a prestar moita atención a este aspecto.

A cámara principal (traseira) é un sensor G-Lens de 23 megapíxeles e apertura f/2.0, con gran angular de 24 mm e tecnoloxía de triple sensor (RGBC-IR, autoenfoque láser e sensor de imaxe); ademais leva flash LED e é capaz de gravar vídeo 4K. Por outro lado, a cámara frontal ten un sensor de 13 megapíxeles, con apertura f/2.0 e angular de 22 mm.

En canto a resultados da cámara frontal, en entornos con boa iluminación temos unhas fotos con moito nível de detalle, en boa medida grazas aos 23 megapíxeles, pero ademais con cores vivas e realistas. No caso das fotos de escenas nocturnas o trebello responde bastante ben, aínda que ben é certo que hai fabricantes bastante por riba neste aspecto. Por outro lado, a cámara frontal funciona bastante ben en case todas as circunstancias.

Sobre a aplicación de cámara atopámonos con poucas ou ningunha novidade. Non hai máis opcións das habituais e básicas, destacando os filtros en realidade aumentada. Porén, cabe destacar a presenza do botón físico do que xa falamos, que nos permite facer disparos moito máis rápidos.

No noso perfil de Flickr podedes ver unha galería de imaxes tomadas con este modelo.

Batería

A batería do Xperia XZ ten unha capacidade de 2.900 mAh, que resultan abondos para aguantar unha xornada ou xornada e media de uso. Dispón ademais dos xa coñecidos modos Stamina e Stamina Ultra, que alongan a súa duración a cambio de limitar parte das características.

En canto á carga, malia ser compatíbel co sistema de carga rápido de Qualcomm, Quick Charge 3.0, o fabricante acompaña o trebello dun cargador que non aproveita esta capacidade, polo que usando este levará arredor de 2 horas e media facer unha carga completa. Por outro lado, está equipado da tecnoloxía Qnovo, pensada para alongar os ciclos de vida: tradúcese en que o smartphone aprende dos nosos hábitos (por exemplo, se adoitamos cargalo polas noites) para darnos a opción de facer cargas máis lentas que aumenten a vida do dispositivo.

Software

Malia terse posto á venda con Android 6.0 Marshmallow, actualmente o Sony Xperia XZ está actualizado a Android 7.0 Nougat, co que temos todas as características que Google anunciou nas novidades desta versión, aínda que moitas delas camufladas baixo a personalización de Sony.

Esta capa, ademais de mudar o aspecto da pantalla, tamén trae unha serie de aplicacións preinstaladas, entre elas Lifelog ou PlayStation, da propia firma. Así mesmo, tamén achega unha ferramenta que facilita a transferencia dos arquivos e configuracións desde un modelo anterior, Xperia Transfer, que complementa á nativa de Android.

Conclusións

A falta de coñecer o que Sony ten preparado para este 2017, o Sony Xperia XZ é un dispositivo de gama alta a considerar polas usuarias máis esixentes, que buscan un dispositivo que responda ben en todas as situacións. Deseño, materiais, cámara, batería e rendemento son os seus puntos fortes

Pódese atopar en tendas como Amazon por 499 €, un prezo bastante atractivo para o tipo de móbil que é.

Sobre o autor

Reply