Acer Iconia Talk 7, a tablet coa que tamén poderemos falar por teléfono

As pantallas dos nosos móbiles cada vez son máis grandes, unha tendencia que este ano vai dar moito que falar, dado que se agarda que moitos dos terminais de referencia que están por chegar, como o LG G6 ou o Samsung Galaxy S8 superarán as 5,5 polgadas. Isto levou á desaparición do concepto “phablet”, e a que a liña entre os smartphones e as tablets quede máis difuminada, agás pola posibilidade de facer chamadas.

Porén, a nova tablet de Acer quere facer gala desta funcionalidade reservada aos teléfonos. Falamos da Acer Iconia Talk 7, un dispositivo que conta cunha pantalla de 7 polgadas con resolución HD 1280 x 720 píxeles, o que supón unha escasa densidade de 209 píxeles por polgada.

No interior deste modelo temos un procesador MediaTek MT8321 Cortex A7 e con frecuencia 1,3 GHz, xunto con 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 128 GB de capacidade.

No apartado fotográfico, a tablet está equipada cunha cámara traseira de 5 megapíxeles e unha frontal de 2 Mpx. Complementan o apartado de especificacións unha batería de 3.400 mAh, conectividade 3G, WiFi e Bluetooth e Android 6.0 – Marshmallow como sistema operativo.

Como se pode ver, estas especificacións certifican que estamos ante un modelo moi básico e sinxelo, cuxo único punto forte é admitir a conectividade móbil, algo que non todas as tablets admiten, e nomeadamente permitir facer chamadas e non só conexións de datos.

Dispoñibilidade e prezo

Malia o seu anuncio, a Acer Iconia Talk 7 amosarase ao público no MWC de Barcelona, que se celebra en dúas semanas. Agárdase que nesa feira o fabricante aclare cando se vai pór á venda. O seu prezo rondará os 130 euros.

Sobre o autor

Reply