Tuenti, a marca low cost de Movistar, anunciou esta mañá un lavado de cara das súas tarifas, facéndoas máis atractivas para o público ao que se dirixe, a mocidade. LOL, OMG e WTF dan nome ás tres opcións que se poden contratar, aínda que só as dúas máis económicas están dispoñíbeis para as clientas de cartón prepago.
Todas elas inclúen chamadas a 0 céntimos minuto, con 20 céntimos por establecemento de chamada, aínda que a través de VozDigital pódese falar de forma ilimitada con fixos e móbiles nacionais e internacionais usando a app de Tuenti, sen necesidade de que a destinataria teña instalada a aplicación e sen que isto reste datos.
As diferenzas entre as tarifas témolas nas cantidades de datos incluídos en cada unha delas:
- LOL: 1 GB de datos por 6 €/mes
- OMG: 4 GB de datos por 14 €/mes
- WFT: 7 GB de datos por 21 €/mes
Quen precise máis datos pode optar polos bonos adicionais de 1 GB (6 €) ou de 250 MB (1,50 €). Do mesmo xeito, Tuenti tamén pon a disposición das usuarias bonos de chamadas: 50 minutos por 3 € ou 120 minutos por 5 €.
No caso de preferir ter tarifa plana de chamadas, somentes poderemos acceder á oferta de contrato, e o seu prezo variará dependendo da tarifa: 4 € para as usuarias de WTF, 8 € para as de OMG e 10 euros para as de LOL.
As usuaarias actuais de Tuenti poden mudar ás novas tarifas de maneira gratuíta a través da aplicación de Tuenti.