Acer anuncia o novo Acer Liquid Z6E, un dispositivo básico por 99 euros

Ás portas do Mobile World Congress, Acer vén de anunicar o lanzamento dun novo smartphone, o Acer Liquid Z6E. Trátase dun dispositivo sinxelo e compacto que a empresa prende que sirva para equilibrar a vida persoal e laboral das usuarias, aínda que na práctica estamos ante un dispositivo de entrada, un modelo básico para as aplicacións máis sinxelas e lixeiras ou para empregar como segunda liña.

Entre os aspectos a destacar, o trebello incorpora unha pantalla IPS de 5 polgadas con resolución HD e curvatura 2.5, algo que xa é habitual en practicamente todos os dispositivos que se presentan, de calquera marca. No interior leva un procesador básico, o MediaTEK MT6850, xunto con 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna.

No apartado multimedia temos dúas cámaras que tamén destacan por ser moi sinxelas. A principal, de 5 megapíxeles, está equipada con autofocus e flash LED, mentres que a frontal queda nos escasísimos 2 Mpx. Como sistema operativo leva Android 6.0 – Marshmallow.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Acer Liquid Z6E xa está dispoñíbel en dúas cores, branco e negro mate, por 99 euros, un prezo axeitado para un dispositivo de tan sinxelas prestacións.

Sobre o autor

Reply