Fíltrase o Asus Zenfone 3 Go, o modelo asequíbel da serie

Asus está a sacarlle moito partido á súa serie Zenfone 3, composta até o de agora polo dispositivo homónimo e as versións Deluxe, Ultra, Zoom e AR. Agora, a través dunha filtración, chéganos a nova da existancia do Asus Zenfone 3 Go, a versión destinada a competir con outros modelos na gama de entrada.

En termos xerais, as súas especificacións son moi sinxelas. Conta cunha pantalla de 5 polgadas con calidade HD, e no seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 410, xunto 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, a priori ampliábel. No apartado fotográfico é onde atopamos as mellores características, cun sensor principal de 13 megapíxeles e un frontal de 5 megapíxeles, ambos os dous con flash LED.

En canto ao deseño e acabados, Asus optou por facer un dispositivo que mantén as liñas de toda a serie e deixando os botóns físicos unicamente para controlar o volume e para o acendido / apagado da pantalla. O material predominante é o metal, o que axuda a ter unha percepción de dispositivo máis premium.

A filtración tamén deixou ver o prezo, 150 euros, unha cantidade axeitada para un dispositivo destas características. Imaxinamos que será no Mobile World Congress de finais de mes cando a compañía faga oficial este modelo, aproveitando a súa visita a Barcelona.

Sobre o autor

Reply