Teaser de Samsung preanunciando un novo procesador Exynos serie 9

Samsung mantén varias frontes abertas. Por un lado, todo o mundo está desexando descubrir o Samsung Galaxy S8, un dispositivo co que ademais de xogarse o seu futuro debe dar un golpe na mesa. E por outro, este domingo teremos un evento no que previsibelmente será anunciada unha nova tablet.

Por iso calquera filtración, rumor ou teaser é digno de atención, xa que pode avanzar algunha nova característica ou prestación. Samsung sábeo, e por iso gosta tamén de entrar no xogo. Nun tweet lanzado o pasado venres desde a conta de Samsung Exynos a modo de teaser, preanunciou a serie 9.

A pouco máis dun mes para o lanzamento do S8, o primeiro que nos vén á cabeza é que este podería ser un dos procesadores que levará o novo buque insignia de Samsung nalgunha das súas versións, xa que tamén e segundo mercados, haberá modelos co Qualcomm Snapdragon 835.

Curiosamente, Samsung está a conseguir que non se filtre nada deste modelo de procesador, polo que todo o que se podería falar del serían meras especulacións. O que case poderíamos afirmar con certeza, á vista da imaxe, é que a nube xogará un papel importante.

Agardemos que non nos fagan esperar moito para contarnos todas as novidades.

Sobre o autor

Reply