Aínda que parece que WhatsApp leva con nós toda a vida, o certo é que foi hai oito anos cando os seus fundadores comezaron a desenrolar unha das aplicacións que hoxe xoga un papel fundamental nas nosas vidas.
Entre as funcións que practicamente permaneceron sen cambios desde os comezos da aplicación están os estados, que naceron para que as usuarias puidesen saber que estaban facendo os seus contactos, aínda que na práctica cadaquén deu a estes estados un uso diferente.
Oito anos despois, e xa nas mans de Facebook, WhatsApp fai a maior renovación dos seus estados, coa que se poden compartir imaxes e vídeos de maneira fácil e segura, pois están protexidos co cifrado extremo a extremo. De maneira semellante a Snapchat, e tamén ás Stories de Instagram e Facebook, podemos personalizar estas imaxes ou vídeos con stickers.
Como usuarias, poderemos ver que persoas visualizaron o noso estado, e estas poderán abrir un chat rapidamente para falarnos. Ademais, estas actualizacións de estado están dispoñíbeis durante 24 horas.
A actualización da nova versión de WhatsApp xa foi lanzada, e nos próximos días estará dispoñíbel para todas as usuarias da aplicación en Android e iOS.