Samsung estaría estudando poñer á venda o Note 7 reacondicionado nalgúns países

Estaba chamado a ser o terminal de referencia de Samsung no 2016, mais acabou converténdose no peor pesadelo da marca. Falamos, como non, do Samsung Galaxy Note 7, o dispositivo que o fabricante surcoreano tivo que retirar das tendas polos seus problemas coa batería.

Ademais do duro golpe á súa imaxe, o Note 7 supúxolle á acompañía unhas perdas de arredor de 7.000 millóns de dólares, e o que é peor: verse con tres millóns de unidades fabricadas que non podía vender. Por iso, segundo apunta o medio coreano The Korean Economic, agora que Samsung estudou en profundidade o problema podería estar mirando de vender versións reacondicionadas nalgúns mercados.

Estas versións reacondicionadas do Galaxy Note 7 virían cunha nova batería de 3.000 ou 3.200 mAh de capacidade, fronte os 3.500 mAh que tiña a batería orixinal. Así, Samsung eliminaría o problema sen ter que facer máis cambios nos dispositivos, podendo poñelos á venda de maneira segura e recuperando parte das perdas.

Malia todo, a idea de Samsung non sería comercializar estes dispositivos en Europa ou Estados Unidos, senón en países asiáticos como India ou Vietnam, dado que no noso continente esperan facer unha forte campaña co lanzamento do Galaxy S8, previsto para finais de marzo.

Sobre o autor

Reply