Huawei anunciou esta semana na China o novo Honor 8 Lite, un dispositivo co que xa contabamos, dado que foi obxecto de filtración a través da autoridade de certificación TENAA. Destaca polo seu deseño coidado e uns acabados premium.
O novo Honor 8 Lite incorpora unha pantalla de 5,2 polgadas con cristal curvado 2.5D e resolución 1080p. No interior leva un procesador Kirin 655, fabricado pola propia Huawei, xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, aínda que tamén hai unha versión de 4 GB + 64 GB. En ambos os casos, esta capacidade interna é ampliábel por microSD de até 128 GB. A súa batería é de 3000 mAh.
Na parte traseira temos unah cámara de 12 megapíxeles, con apertura f/2.2, e na frontal unha de 8Mpx, que ademais pode empregar a luz da pantalla LCD a modo de flash para os selfies. Dispón de lector de pegadas dixitais, situado na parte traseira, e en canto a sistema operativo, corre Android 7.0 – Nougat, aínda que coa capa de personalización EMUI 5.0.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Honor 8 Lite estará dispoñíbel nun total de catro cores (negro, dourado, branco e azul), por un prezo que rondará os 160 euros na versión máis básica.