Asus vén de anunciar o novo Asus Zenfone Live, un dispositivo sinxelo e pouco pretencioso que destaca unicamente no apartado especialmente, e máis en concreto na cámara frontal para as selfies.
O trebello integra unha pantalla HD de 5 polgadas e no seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 410, de catro núcleos, xunto 2 GB de RAM 16 ou 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 128 GB. Ademais, Asus ofrece 100 GB adicionais na nube de Google Drive durante 2 anos.
Como xa comentamos, o apartado fotográfico é onde máis destaca. A cámara principal é de 13 megapíxeles, con apertura f/2.0 e flash LED, mentres que na frontal temos un sensor de 5 megapíxeles e lente f/2.2, con autoenfoque e tamén o seu correspondente flash LED. Este hardware compleméntase con software específico para axudar en fotografía nocturna e cos selfies.
A batería é de 2560 mAh de capacidade, e o sistema operativo é Android 6.0 Marshmallow, xunto coa capa de personalización Asus ZenUI 3.5
Dispoñibilidade e prezo
O Asus Zenfone Live está dispoñíbel en tres cores (dourado, ouro rosa e azul marino). Aínda que xa se pode consultar a súa ficha na web de Asus, polo de agora non se sabe cando vai estar dispoñíbel, nin tampouco a que prezo se vai poder adquirir.
Máis info | Asus