TransferWise Bot, un bot para enviar cartos a través de Facebook Mesenger

Transferir cartos desde o móbil é algo que facemos a cotío, aínda que moita xente segue mantendo certos reparos ante os posíbeis problemas de seguridade que se poderían chegar a producir. Este medo vaise reducindo conforme aparecen aplicacións, ferramentas e servizos que nos permiten transferir pequenas cantidades, como é o caso de Bizum, o sistema que empregan case todos os bancos españois para transferir cantidades entre amigos de forma rápida, ou TransferWise Bot, do que hoxe queremos falarvos.

Como podemos intuír do seu nome, TransferWise Bot é un bot que xa está dispoñíbel para todas as usuarias de Facebook Messenger. Trátase dunha ferramenta desenvolta por TransferWise coa que podemos transferir cartos ás nosas amizades nese servizo de mensaxería da rede social Facebook.

O seu funcionamento é moi sinxelo, mais para traballar con el é preciso que sexamos usuarias de TransferWise, pois necesitamos os datos para facer login. Tendo en conta isto, facer as transferencias a través do bot será tan sinxelo como iniciar unha conversa co bot, iniciar sesión, elixir a moeda a usar, a cantidade a transferir e a persoa destinataria dos cartos.

A compañía afirma que o seu servizo resulta moito máis económico para as transferencias internacionais cás comisións que cobran os bancos, mais iso é algo que cada un debe estudar pola súa conta, xa que dependerá do que teña contratado. TransferWise permite na actualidade enviar e recibir cartos entre persoas de Estados Unidos, Europa, Australia e Canadá.

Máis info | TransferWise Bot

Sobre o autor

Reply