Huawei anuncia no MWC os Huawei P10 / P10 Plus, adiantándose para gañar terreo

Nos últimos anos Huawei foise abrindo paso entre os grandes fabricantes de móbiles, avisando de que pintaba moito nun panorama copado de dispositivos de centos de marcas. Aínda que os seus modelos de gama media son similares aos de outras compañías, é nos modelos premium onde este fabricante chinés destaca, tanto polo seu deseño, como polas súas especificacións e a experiencia de usuario. Falamos das gamas “P” e “Mate”.

Hoxe Huawei anunciou na xornada previa ao Mobile World Congress o novo Huawei P10 e a variante Huawei P10 Plus, dous dispositivos de gama alta cos que non nos queren deixar indiferetes.

Huawei P10

O Huawei P10 incorpora unha pantalla IPS-NEO LCD de 5,2 polgadas, cunha resolución 1440 x 2560 píxeles (isto é, 565 píxeles por polgada), protección Corning Gorilla Glass 5 e unha relación pantalla / frontal do 73,7%. No seu interior atopámonos cun procesador HiSilicon Kirin 960, cortesía da casa, un chip de oito núcleos, dos claes 4 corren a 2,4 GHz e outros catro a 1,8 GHz. A combinación de memoria RAM e capacidade interna dará lugar a 3 versións: 4 + 32 GB, 4 + 64 GB, 6 + 128 GB, para RAM e memoria interna respectivamente. En calquara caso, no noso país só se comercializará o de 4+64 GB

No apartado fotográfico temos unhadobre cámara traseira, con dous sensores de 12 megapíxeles e unha apertura focal de f/1.8, o que sobre o papel semella dará bos resultados en entornos con pouca luz. A óptica fírmaa Leica, o fabricante de lentes co que Huawei comezou a súa andadura o ano pasado; tamén dispón de autoenfoque por detección de fase e flash de dobre ton. Por outro lado, temos unha cámara secundaria de 8 megapíxeles, cuxa apertura tamén é de f/1.8.

Dispón das opcións máis habituais de conexión, con WiFi dual band, DLNA, WiFi Direct, mais tamén 4G e navegación con A-GPS e GLONASS. Tamén leva USB Tipo C, sensor de pegadas dixitais situado na parte traseira e unha batería de 3.100 mAh de capacidade, con opcións de carga rápida.

Huawei P10 Plus

Por outro lado temos o Huawei P10 Plus, o dispositivo máis avanzado da compañía até o de agora. Trátase dunha versión vitaminada do P10 coa principal diferenza na súa pantalla, de maior tamaño e curvada cara ambos lados.

A pantalla do P10 Plus é un panel IPS-NEO LCD de 5,5 polgadas e resolución 1440 x 2560 píxeles (534 píxeles por polgada), con protección Gorilla Glass e curvada cara ambos lados, de maneira semellante ás versións “Edge” de Samsung.

A outra das diferenzas atopámola nas diferentes versións deste modelo, xa que haberá unicamente dúas, unha con 4 GB de RAM e 64 GB de capacidade interna e outra con 6 GB de RAM e 128 GB de memoria. Polo demais, son trebelllos coas mesmas especificacións técnicas.

Dispoñibilidade e prezo

O Huawei chegará ao mercado nos próximos meses en varias cores, entre elas as vistosas azul e verde. De todas as combinacións dispoñíbeis, poderanse mercar no noso país o Huawei P10 (64 + 4 GB) por 649 €, o Huawei P10 Plus (64 + 4 GB) por 699 € e o Huawei P10 Plus (128 + 6 GB) por 799 €

Sobre o autor

No Responses

Reply