LG anuncia o LG G6, esquecendo os módulos e subindo o listón

Que LG ía anunciar o seu LG G6 no Mobile World Congress non era ningún segredo. Nos últimos anos o fabricante surcoreano vai adiantando prestacións dos seus modelos nas xornadas previas á keynote oficial, de maneira que nesa data céntrase en falar da experiencia.

No novo LG G6 vemos que aprenderon a lección comercial: nada de experimentos co buque insignia. Malia que o LG G5 foi un dispositivo espectacular, o tema dos módulos non causou a sensación que agardaban, en certa media porque, fóra de promocións, facerse cun módulo adicional supuña un desembolso importante de cartos, mais tamén porque para cambiar de módulo era preciso apagar o dispositivo.

O G6 tamén cambia unha das características das que LG fixo bandeira nos últimos anos: non ten tapa traseira extraíbel. Esta característica foi perdendo importancia nos últimos anos, en boa medida polo auxe da carga rápida, mais LG mantivo a posibilidade de cambiar a batería como un factor diferencial. Até o LG G6, que é un dispositivo compacto.

Especificacións

O LG G6 incorpora unha pantalla FullVision de 5,7 polgadas con resolución 2880 x 1440 píxeles e esquinas curva e 564 ppi. Porén, a gran novidade non está no tamaño, senón no ratio de pantalla, de 18:9 con Dolby Vision, convertíndose no primeiro terminal en incorporar esta tecnoloxía. Este ratio é froito dunha longa investigación por parte de LG, e semella máis óptima para todo tipo de consumos multimedia, mais haberá que probalo a fondo para ver se efectivamente isto é así.

Ademáis LG foi quen de meter unha pantalla de 5,7 polgadas nun terminal cun corpo pensado para 5,2″ polo que temos un smartphone que é moi axeitado para manexalo cunha soa man.

Malia que se especulaba con que puidese levar o novo procesador Qualcomm Snapdragon 835, finalmente semella que será o Samsung Galaxy S8 o primeiro en incorporalo. Porén, o G6 alberga un Qualcomm Snapdragon 821 a 2,35 Ghz, cuxas boas características de rendemento son ben coñecidas. Xunto a el temos unha memoria RAM de 4 GB e memoria interna de 32/64 GB, ampliábel até 2TB cunha microSD.

No apartado fotográfico, o LG G6 vén con dobre sensor traseiro dual de 13 megapíxeles e cun angular de 125 graos, mentres que na cámara frontal temos 12 megapíxeles e 100º de angular. Ademais, no apartado software, teremos novas funcións, como square cámara (divide a pantalla en dous cadrados, un para o visor e outro para as fotos no carrete), food mode (modo con saturación elevada e máis calidade de cor) e a creación de gifs a partir da combinación de até 100 fotos.

Como gran novidade, este G6 inclúe xogos da Play Store, coma o novo Temple Run 2 Lost Jungle, achegando contido exclusico para as que merquen este terminal.

Por se isto parecese pouco, con este LG G6 tamén surxe unha colaboración con Amazon e Netflix para aportar contido específico destas dúas plataformas adaptado á nova tecnoloxía Dolby Vision HDR10 para que o visionado multimedia sexa máis inmersivo.

Neste LG G6 incorporan unha batería de 3300 mAh, NFC e conta con resistencia á suciedade e á auga, podendo estar sumerxido en auga doce até 50 cm durante 30 minutos.

Interface mellorada

Nos últimos anos LG foi mellorando a súa interface e capa de personalización, para facela menos pesada e máis parecida a aAndroid puro, mais iso si, mantendo a súa seña de identidade. No LG G6 atoparemos o dobre toque para activar a pantalla que popularizou o G2, mais tamén funcionalidades para tomar notas rápidas… e como non pode ser doutro xeito é compatíbel con Google Assistant aínda que polo de agoras só dispoñíbel en inglés e alemán.

Dispoñibilidade e prezo

Podemos atopar o LG G6 en tres cores, branco, negro e prata, máis polo de agora non temos datos de canto sairá ao mercado nin a que prezo.

Sobre o autor

One Response

  1. Roi 26 Febreiro, 2017 Responder

Reply