Malia que a todas nos tería gustado ver o Samsung Galaxy S8 no Mobile World Congress, Samsung decidiu manter un pouco máis a espectativa, polo que o terminal máis agardado do ano non se deixou ver no evento do fabricante surcoreano no MWC.
Porén, o que si puidemos ver na keynote desta tarde foi a nova Samsung Galaxy Tab S3, a nova versión da tablet máis avanzada de Samsung, que conta cun stylus semellante ao que podemos atopar na serie Note como un dos seus principais elementos diferenciais, aínda que cabe sinalar que non dispón dun oco específico para o gardar, como si acontece no phablet da compañía.
Especificacións punteiras
A nova Galaxy Tab S3 leva unha pantalla de 9,6 polgadas de diagonal e unha resolución de 2048 x 1536 píxeles. No seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 820, de catro núcleos, dos cales dous van a 2,1 GHz e outros dous a 2,1 GHz. A súa RAM é de 4 GB e a memoria interna de 32 GB, ampliábeis mediante tarxetas microSD.
No apartado fotográfico temos dús cámaras, unha principal de 12 megapíxeles, situada na parte traseira, e unha frontal de 5 Mpx. Ademais, na parte frontal do trebello leva o clásico botón de inicio de Samsung, que ao tempo é o lector de pegadas dixitais, para aumentar a seguridade.
En canto a sistema operativo, o trebello sae de fábrica coa última versión de Android (7.0 Nougat), aínda que personalizada coa capa habitual de Samsung e varias utilidades software para sacarlle todo o partido.
Dispoñibilidade e prezo
Porase á venda en dúas cores, negro e prata, aínda que polo de agora non se precisou a data de lanzamento nin o seu prezo.