ZTE vén de anunciar no Mobile World Congress de Barcelona o seu primeiro teléfono 5G, o ZTE Gigabit Phone, capaz de aceptar velocidades de descarga de até 1 Gbps. O trebello forma parte da chamada “5uper Generación” de ZTE, coa que o fabricante de hardware e redes chinés quere adiantarse á nova tecnoloxía de conexión 5G.
O novo ZTE Gigabit Phone emprega un procesador Qualcomm Snapdragon 835 con módem LTE X16 Snapdragon integrado, e grazas a unha combinación de tecnoloxía de 4×4 MIMO e unha modulación 256-QAM permite velocidades de descarga 10 veces máis rápidas que a tecnoloxía LTE de primeira xeración.
Con este trebello, ZTE mellorará a capacidade de procesado dos datos na rede actual, como primeiro paso para unha experiencia cos dispositivos móbiles que a compañía tacha de “inimaxinábel”. Coas súas prestacións, o Gigabit Phone pode traballar con vídeo panorámico 360º de VR, almacenar datos na nube de maneira case instantánea e ter unha velocidade de descarga de caché para a instalación de apps, películas e música próxima ao inmediato.
Malia que aínda faltan uns anos para que teñemos redes 5G operativas de maneira comercial no noso país, o certo é que pasos como este dado hoxe por ZTE son imprescindíbeis para ir probando cousas e descubrirmos de que seremos capaces nos próximos anos.