As filtracións que se produciron nas últimas semanas xa nos facían imaxinar que Lenovo anunciaría os novos “Moto” durante o Mobile World Congress. E así foi, o Moto G5 e a súa versión vitaminada, o Moto G5 Plus, xa son oficiais.
Moto G5
Dos dous novos terminais, a versión estándar do Moto G5 é a máis básica das dúas, tanto polas súas especificacións técnicas que incorpora mais tamén polo “rudo do seu deseño”, xa que conta cun grosor case 2 milímetros maior cá versión “plus”.
Está equipado cunha pantalla de 5 polgadas con calidade FHD (1920 x 1080 píxeles, 441 píxeles por polgada). No seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 430, de oito núcleos a 1,4 GHz. A súa memoria RAM é de 2 ou 3 GB e a capacidade interna de 16 GB, aínda que podemos ampliar a capacidade desta memoria a través de tarxetas microSD de até 128 GB.
A cámara principal é de 13 megapíxeles e a fronal de 5 Mpx. Do resto de especificacións destaca o sistema DualSIM, a batería de 2800 mAh con carga rápida (extraíbel) e lector de pegadas dixitais.
Moto G5 Plus
O Moto G5 Plus é o modelo referente nesta gama e conta cun deseño que, malia ser similar, está bastante máis refinado. Tamén sube o listón en canto a restacións xerais, mais é no apartado fotográfico onde teremos as maiores diferenzas entre ambos.
Este modelo aposta por unha pantalla de 5,2 polgadas FHD (1920 x 1080 píxeles) e no interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 625 a 2.0 GHz. Tamén dispón de 2 GB de memoria RAM, aínda que neste caso con 64 GB de memoria interna, pero mantendo a ampliación a través de tarxetas de até 128 GB.
A cámara frontal é de 5 megapíxeles con gran angular, e a principal de 12 megapíxeles. É un bo exemplo de como non debemos deixarnos levar pola febre dos megapíxeles, pois o salto cualitativo desta cámara fronte á da versión estándar é notoria, dando lugar a uns resultados moi superiores.
A batería sitúase nos 3000 mAh con capacidades de carga rápida, aínda que neste caso non é extraíbel. Leva tamén Dual SIM, 4G LTE, sensor de pegadas dixitais e NFC, unha característica que non atopamos na versión estndar e que é básica apra temas como o pago móbil.
Dispoñibilidade e prezo
O Moto G5 estará dispoñíbel a finais de marzo nos puntos de venda habituais. A versión con 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna custará 199 €, mentres que o de 3 GB + 16 GB de RAM custará 209 €.
Pola súa banda, o Moto G5 Plus chegará no segundo trimestre do ano por 299 €.