Sony anuncia o Sony Xperia XZ Premium no MWC 2017

No MWC de 2016 Sony levou a cabo unha presentación que nos deixou un sabor de boca bastante amargo, pois semellaban non prestar atención a nada en concreto. Aló deuse a coñecer o Xperia X, un modelo que posteriormente xogaría un papel fundamental nas campañas de Sony durante todo o 2016. No mesmo escenario, un ano máis tarde, Sony vén de lanzar o Xperia XZ Premium, un dispositivo que destaca por tres aspectos: a calidade da súa pantalla, a cámara e o rendemento.

Comezando pola pantalla, o Xperia XZ Premium é o primeiro dispositivo en incorporar unha pantalla 4K HDR de 5,5 polgadas (2160 x 3840 píxeles). No seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 835, sendo o segundo dispositivo anunciado neste MWC en incorporalo, logo do ZTE Gigabit Phone.

No apartado fotográfico, o XZ Premium leva unha cámara de 19 megapíxeles con sistema Motion Eye, que permite realizar slow motion con moitísimas máis imaxes que noutros teléfonos, 960 fotogramas por segundo. É tamén o primeiro dispositivo en levar un sensor Exmor RS con memoria integrada, o que permite, segundo Sony, escanear as imaxes máis rápido e transferir os datos en 5 veces menos tempo.

Ao igual que os últimos modelos de Sony, o dispositivo é resistente á auga e ao pó, e ademais está reforzado por Corning Gorilla Glass 5, tanto na parte dianteira como na traseira do dispositivo. Tamén dispón de carga ultra rápida, capaz de ofrecer “horas” de batería con só un par de minutos de carga.

Dispoñibilidade e prezo

Está previsto que o novo Sony Xperia XZ Premium chegue ás tendas no mes de abril en dúas cores, aínda que polo de agora non se deu información oficial do seu prezo.

Sobre o autor

Reply