Así son os móbiles da nova Nokia: Nokia 3, Nokia 5, Nokia 6 e Nokia 3310

É difícil definir que é Nokia hoxe. A compañía finlandesa desfíxose no seu momento da súa sección de móbiles, que pasou a mans de Microsoft dando pé á familia Lumia e empregando Windows como sistema operativo. Mais senxamos claros, Windows non conseguiu (até o de agora) plantar cara a iOS e Android, e o público comezou a demandar un trebello Nokia con Android.

Logo de varios intentos, a nova Nokia en mans de HMD Global volve suducir, agora con modelos smartphone que empregan unha versión limpa de Android. Non son dispositivos de alta gama, senón modelos pensados para os diferentes segmentos da gama media, que se venderá a bo prezo para conquistar de novo o mercado.

Aproivetando a súa visita ao Mobile World Congress, HMD presentou tres novos smartphones Nokia (Nokia 6, Nokia 5, Nokia 3), mais tamén o Nokia 3310 (2017), un modelo que fai unha chiscadela ao que quizais foi o trebello máis icónimo da Nokia de antes. A orixinal.

Nokia 6

O Nokia 6 leva unha pantalla Full HD de 5,5 polgadas, que nas primeiras impresións pareceunos bastante luminosa e con cores realistas. No interior un procesador Qualcomm Snapdragon 430 (8 núcleos a 1,4 GHz), 3 ou 4 GB de RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD. A batería é de 3000 mAh

A cámara principal é de 16 megapíxeles, cunha apertura de f/2.0, flash LED e autoenfoque por detección de fase, mentres que a cámara frontal é de 8 megapíxeles, tamén con apertura f/2.0.

Porén, onde máis destaca o trebello é no seu deseño, fabricado a partir dun s blqoue de aluminio. Venderase en catro cores (negro mate, prata, azul templado e cobre) por 229 o modelo de3 + 32 GB e por 299 € o de 4 + 64 GB.

Nokia 5

O Nokia 5 é o seguinte modelo por abaixo. Leva unha pantalla IPS de 5,2 pogladas HD, procesador Qualcomm Snapdragon 430, 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis mediante microSD de até 256 GB. As cámaras son de 13 e 8 megapíxeles e a batería de 3000 mAh.

Está previsto que se poña á venda por 189 € nun total de catro cores: negro mate, prata, azul templado e cobre.

Nokia 3

Baixando aos 139 euros temos o Nokia 3, un modelo máis económico pensado para o público que precisa un dispositivo básico. Ten unha pantalla de 5 polgadas, procesador de catro núcleos a 1,4 GHz, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, cámara frontal e traseira de 8 megapíxeles e unha batería de 2650 mAh.

Ao igual ca o resto de modelos, poderase mercar en catro cores: branco prata, negro mate, azul templado e branco cobre.

Nokia 3310

Así e todo, o teléfono máis agardado de Nokia neste Mobile World Congress era o Nokia 3310, a gran actualización dun clásico. O novo trebello non é un dispositivo intelixente e conserva algunhas das características do modelo orixinal, iso si, con pantalla a toda cor.

Outro aspecto a destacar del é a súa batería, que permite 22 horas de autonomía en modo chamada de voz. Ah! E por certo, ten o xogo da serpe 🙂

Está prevista a súa comercialización global por 49 €, e chegará en catro cores: vermello cálido, amarelo, azul escuro e gris.

Que vos parecen?

Sobre o autor

Reply