Vodafone oficializa as novas tarifas: moitos máis datos e consumo cero para as apps de mensaxería

Hai uns días as usuarias de Vodafone comezaron a ver como as súas tarifas medraban de maneira considerábel en canto a volume de datos, un movemento que a operadora vén de facer oficial, e que afectará tanto ás actuais como ás novas clientas de contrato a partir do 28 de abril.

Deste modo, os volumes de datos móbiles dos plans de prezo con 2, 4 ou 6 GB pasarán a ter 6, 10 ou 20 GB, respectivamente, tanto nas tarifas “só móbil” como nos produtos converxentes Vodafone One. Porén, este non será o único cambio, pois tamén entrará a funcionar “Chat Cero”.

Chat Cero, que virá de serie en todas as tarifas de contrato de Vodafone, permite o uso de aplicacións de mensaxería sen ningún tipo de coste ou consumo de datos. Isto afecta aos SMS e MMS, algo que xa estaba incluído nas tarifas planas de Vodafone, mais tamén ás aplicacións de mensaxería, como WhatsApp, Telegram, Line ou Message+. É dicir, que a través destes servizos de mensaxería poderemos enviar mensaxes de texto, vídeos e notas de voz sen consumir os datos da tarifa.

Novos prezos

Estes cambios implican unha suba de 3 euros nos produtos Vodafone One S e Vodafone One M, e de 5 €/mes en Vodafone One L, e de 2 euros ao mes nas Mini S, Smart S, Red M e Red L. Porén, na práctica, as usuarias que queiran manter os datos actuais poden baixar de produto

Fox Play

Por último, Vodafone tamén anunciou a incorporación ao seu servizo de televisión Vodafone TV de Fox Play, a aplicación creada por Fox Networks Group para que as clientas poidan disfrutar das principais series de FOX e FOX Lite en calquera momento. Incluirase de forma gratuíta no servizo Vodafone TV Total.

Sobre o autor

Reply